O BNG defendeu no Parlamento galego unha iniciativa para instar á Xunta a denegar a autorización dos dous novos proxectos eólicos solicitados na contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, na Costa da Morte, proxectos que constitúen “unha auténtica navallada no corazón mesmo dos penedos”.
Así o explicou o deputado nacionalista Daniel Pérez, quen advertiu que ámbolos dous parques eólicos, denominados Monte Chan e Pena dos Mouros, afectarían gravemente a este espazo protexido, ata o punto que dous dos aeroxeradores previstos no primeiro serían instalados moi preto da “Cachucha” e da “Torre da Moa”, penedos míticos do conxunto.
Logo de enumerar as numerosas agresións destes dous eólicos aos propios penedos, rutas asociadas e contorna, concluíu que a instalación destes novos parques provocaría “un dano irreparábel ao conxunto da paisaxe” e suporía “finiquitar a cambio de trinta moedas e para sempre toda a beleza e potencial da zona”, para a continuación salientar o seu atractivo turístico, con ingresos anuais que superan o millón e medio de euros só cxs visitantes que reciben os 34 aloxamentos situados na contorna dos penedos.
“Ninguén entendería que a Xunta permitise instalar alí 16 mamotretos dunha altura superior á Torre de Hércules ou á Catedral de Santiago”, afeou, para a continuación retar ao Goberno de Feixóo a transformar a ameaza real que supoñen os eólicos na zona nunha oportunidade de xeración de riqueza e emprego para toda a comarca, parando os novos parques e poñendo en valor a paisaxe protexida dos Penedos de Traba e Pasarela.
O deputado nacionalista pola Costa da Morte reprochou ao PP a súa negativa a unha iniciativa na que se pide é “unha declaración de vontade, unha declaración política do grupo parlamentario do PP, non da Xunta, -advertiu- para instala a que, cando se cumpran todos os trámites obrigados, denegue estes proxectos”.
“O feito de apoiar unha iniciativa que significaría instar ao Goberno galego a salvagardar unha zona que é paisaxe protexida, unha das dúas únicas que hai en Galiza, cunhas particularidades que a fan case única no mundo, representa para vostedes abrir unha espita que aos oligopolios enerxéticos non lle vai facer graza”, concluíu.