A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre os proxectos eólicos e o impacto no patrimonio natural e diversidade da serra da Groba, monte de Vaga, O Galiñeiro e a Serra do Suído, o deputado do BNG, Luís Bará reclamou paralizar os proxectos pola súa afección negativa.
Fronte ao “espolio eólico”, o nacionalista propuxo un modelo de enerxías renovables “xustas, sustentables e con proxectos comunitarios que deixen beneficios en Galiza”, fronte a “depredación” e conivencia do Partido popular coas grandes empresas.
Masiva mobilización social contra os proxectos eólicos
No transcurso da pregunta, Bará amosou diferentes fotografías das mobilizacións sociais contra os proxectos previstos na serra da Groba ante o risco dun dano irreparable no seu patrimonio natural e cultural e que afectaría aos cabalos do monte, os xacementos arqueolóxicos e valores ecolóxicos.
Esta resposta social, dixo primeiro foi no Caurel, despois na Baña, esta fin de semana na serra da Groba pero esta resposta social continuará na serra do Suído, en Lalín, Vimianzo, Terra de Montes... porque é “un tsunami social e democrático”, non contra a enerxía eólica nin as renovables, pero si contra “o abuso de un goberno que está ao lado dos poderosos e pasa por riba da xente, dos concellos e do dereito comunitario”.
O deputado avanzou que o BNG levará ao vindeiro pleno a necesidade de impedir este espolio e a conselleira de Medio ambiente debe “dar a cara e explicar” que pensa facer ante esta resposta social.
A primeira batalla ganámola, o primeiro paso foi O Galiñeiro cun proxecto
“aberrante” de 13 aeroxeradores nun auténtico santuario paisaxístico, biolóxico, xeolóxico e arqueolóxico. Este foi o comezo, reiterou Bará pero no chega e por iso seguimos reclamando a protección ambiental para a Serra do Galiñeiro, integración no LIC Monte Aloia, ou baixo a figura da Rede Natura, AEIP Serra do Galiñeiro.O nacionalista lembrou que a Serra da Groba e o Monte da Valga son obxectivo dun Megaparque de 6 parques con 48 aeroxeradores, proxecto reixeitado por máis de 60 colectivos sociais aglutinadas na Plataforma SOS GROBA e cinco concellos, como o de Oia, gobernado polo Partido popular.
Entre as fotografías, Bará amosou o mapa dos 24 parques eólicos na Serra do Suído nun autentico paraíso de biodiversidade con 53 formacións de turbeiras altas: hábitat, declarado de interese prioritario, 2.042 ha de bosques de carballeiras galaico portuguesas437 ha de mato higrófilo, 542 ha de prados de sega. Toda esta riqueza, preguntou o deputado, vai formar parte de 200 aeroxeradores de interese paisaxístico?
Tras a resposta da directora de Patrimonio Natural da Xunta o nacionalista alertou do risco da desaparición de ecosistemas únicos, e advertiu ao goberno que si permiten este “ecocidio” deberá asumir as responsabilidades.
Por outro lado, criticou que a directora invocara unha lei que resulta unha copia da lei estatal e que na realidade non repecta os principios de prevalencia nin de protección ambiental. Para mostra, a Rede Natura ao colidir cos intereses das empresas, o goberno galego parou a súa ampliación. “Vostedes, déronlle luz verde a 975 proxectos industriais en pleno estado de alarma”. Si os espazos da Rede Natura estiveran protexidos, agora non teríamos que pelexar con máis de 50 proxectos, entre eles todos os que se están a tramitar no Suído, na Serra da Groba e no Galiñeiro.
O deputado concluíu afirmando que a Xunta entregou o poder ás empresas mesmo utilizando “fraude de lei” ao fragmentar os proxectos e non presentalos como un megaproxecto.“A eólica non é o futuro do rural”, non crea actividade económica, devasta o territorio e leva ao rural ao declive económico e a desertización”.