O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini,) defendeu unha proposición non de lei para modificar o Proxecto do Real Decreto sobre o abono dos solos agrarios por considerar que é “lesivo” para Galiza.
O parlamentario explicou que a emisión de amoníaco é “o problema” pero non por unha cuestión medioambiental senón pola presión de dous lobbies no Estado español, “o lobby do porcino e o de abono de síntese”. Tanto o Partido socialista como o Partido popular en Madrid, explicou o nacionalista “non puideron subtraerse a esa presión” e agora estamos ante o segundo intento de decreto, o primeiro foi protagonizado pola ministra Tejerina que, curiosamente, procedía da empresa Fertiberia e defendía os abonos de síntese, explicou o nacionalista.
A realidade agraria galega é distinta á realidade de Castela pero no Decreto non está presente Galiza nin a Cornisa Cantábrica porque de estalo, afirmou Rivas debería influír que o 55% da produción láctea en vacún do estado é galega. Ademais, na súa opinión, o Decreto adoece de falta de información sobre a morfoloxía e climatoloxía singulares de Galiza así como un especial reparto de propiedades e tamén unha diferente maneira de entender a explotación do vacún. Por outra parte, os informes europeos reflicten que as maiores emisións de amoníaco son producidas polos puríns do porcino, sobre todo en Aragón e Cataluña así como os abonos de síntese, principalmente a urea que emite unha grande cantidade de gases.
“A Xunta non actuou a tempo a pesar de coñecer a intención do goberno pero aínda pode reaccionar” e recriminou ao goberno galego non contar con persoal investigador para responder ao decreto.
A Xunta manexa a cifra de 525 M€ para resolver o problema dos xudres, 525 M€ de tecnoloxía alemana e holandesa pero os solos galegos precisan “nutrientes e materia orgánica” e poderían absorber en compostaxe todos os residuos orgánicos xerados nas nosa cidades e aínda así, afirmou Mini, “non estarían colmados”. O deputado preguntou cando vai pedir a Xunta unha investigación aplicada sobre esta materia.
Por outra parte, o nacionalista volveu a incidir na necesidade de poñer a producir 200 mil hectáreas de terra en abandono e asegurou que Galiza pode reducir até o 40% as emisións de amoníaco porque o problema das explotacións intensivas e extensivas é a falta de redimensión das fosas de purín. “O dimensionamento adecuado das fosas e a súa cubrición permitiríanos abonar os cultivos, no momento óptimo e non cando a fosa está chea”.
Si o decreto entra en vigor sen as modificacións necesarias, “a norma sería un golpe mortal para a gandaría de leite e carne de Galiza”, concluíu.
A proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.