O deputado do BNG, Luís Bará urxe á Xunta a ampliar a declaración das Torres de Meirás como ben de interese cultural, BIC, para impedir un “novo saqueo” de bens públicos por parte da familia Franco.
Tras a resposta do Secretario Xeral Técnico da consellería de Educación e Cultura, Manuel Vila López, o parlamentario do BNG recriminou ao goberno galego renunciar as súas competencias e responsabilizar ao goberno do estado da paralización do proceso. Neste sentido, negou a afirmación de Vila López sobre a actuación “ decidida e decisiva” da Xunta porque “os feitos e os datos” confirman todo o contrario. Bará lembrou que o propio Feixóo, como presidente da Xunta e o PP, “financiaron aos Franco” con 44.200 euros públicos no ano 2011 e 2012 para abrir o Pazo de Meirás, apertura á que que estaban obrigados. O parlamentario do BNG tamén estendeu esta crítica ao goberno central que dende hai cinco meses mantén o pazo pechado.
A Xunta ao lado dos Franco e contra as políticas da Memoria histórica
“A Xunta do lado dos Franco” e ao tempo “liquidando as políticas da memoria histórica”, pechando a illa da Memoria, liquidando o proxecto Nomes e Voces negándolle as axudas para os proxectos de investigación, “esta é a executoria do Partido popular”.
A partir do 2017 a Xunta, explicou o nacionalista, tivo que ceder ante a presión social e o traballo realizado pola Deputación da Coruña cun estudo histórico e xurídico que marcou o camiño a seguir ao que sumou o acordo parlamentario. Agora, dixo, “estamos nunha conta atrás” e nun momento crítico. A Xunta ten razóns dabondo para tomar a iniciativa e garantir todos eses bens. A Xunta, recalcou, non pode escudase en que o Estado lle delegue unha competencia, a Xunta ten que exercer as súas competencias e contan cun informe da Avogacía do Estado que lles “cubre as costas”.
Busquen a maneira que queiran, cheguen a un acordo pero non continúen amparándose en escusas porque estamos ante o cumprimento dos prazos que mesmo poden ser de días ante unha decisión xudicial para que a familia Franco poda trasladar, como xa pediron por escrito, “o sarcófago deseñado pola propia Pardo Bazán, o altar, as esculturas e o despacho e mobles deseñados por ela”.
A xunta ten que actuar sen dilación porque corremos o risco de perder todos estes bens e a única garantía para protexelos e a ampliación do BIC, “non dean máis voltas e deixen de pasarse a pelota”, tomen a iniciativa e exerzan as súas competencias porque no caso de producirse a resolución xudicial permitindo ao Franco que trasladen os bens será unicamente “ responsabilidade da Xunta de Galiza que permitirá un novo saqueo”, concluíu.