O BNG rexistra unha proposición non de lei na que pide que compareza a conselleira de Política social, Fabiola García para que explique os problemas derivados da falta de persoal nas residencias de maiores dependentes da Xunta de Galiza.
A iniciativa do BNG reclama incrementar os cadros de persoal para adaptalos ás novas tipoloxías dos usuarios e usuarias e o compromiso da Xunta para incluír no orzamento do ano 2020 partidas precisas así como a eliminación da suspensión do artigo 19 do Convenio Único para o persoal laboral.
A parlamentaria do BNG, Montse Prado lembra que a CIG formulou unha denuncia da precariedade das condicións laborais nas Residencias de Maiores, unha circunstancia que a propia CIG cualifica de “xeralizada”. Esta situación, recalca Prado supón un sobreesforzo para o persoal traballador e roza a “explotación laboral”.
Por outra parte, salienta a nacionalista, a Consellería de Política Social reflicte o maior índice de sinistralidade laboral a respecto doutros departamentos da Xunta como Medio Rural con bombeiros forestais, ao que sumou unha importante porcentaxe de baixas por incapacidade laboral tamén superior a calquera departamento da Administración Autonómica.
O BNG súmase á denuncia da CIG e lembra que moitas das baixas por incapacidade laboral están provocadas por enfermidades relacionadas co traballo de quendas, infeccións bacterianas e víricas derivadas do traballo con menores ou anciáns e incluso trastornos musculoesqueléticos xa recoñecidos polas mutuas. Como exemplo, explica na iniciativa, algunhas residencias teñen a día de hoxe o 20% do seu cadro de baixa, en moitos casos por accidentes laborais como resultado dos esforzos que realizan os traballadores e traballadoras en centros como a Residencia de Maiores de Oleiros, as Residencias de Maiores de Volta do Castro e o Centro Residencial de persoas dependentes de Vigo.