BNG denunciou no Parlamento galego a ineficacia do sistema de faixas de protección establecido pola Xunta para protexer os núcleos rurais fronte aos incendios e sitúa a raíz do problema na necesidade de lle dar utilidade a esas faixas de protección con usos e labores que eviten a acumulación de combustible.
“Non se poden tirar recursos públicos en rozar a mesma matogueira ano tras ano tras ano”, reprobou a portavoz nacionalista de Montes, María Albert, para a continuación advertir que tampouco se pode repetir ano tras ano o mesmo proceso: “advertir ás e aos propietarios da obriga de ter limpa a finca a 31 de maio; prazo de espera; inspección por parte do concello; comunicación do concello a Seaga do incumprimento; inspección por parte da Seaga; comunicación do apremio; novo prazo de agarda de 15 días; preparativos e execución, se hai medios humanos”, relatou. “A que día estamos xa? Pasou o lume? Porque desde logo se pasou, nada se tería feito”, concluíu.
Albert criticou na comisión parlamentaria de Agricultura que o procedemento actual non funciona porque “dilata os tempos ata facelos inútiles”, supón desperdiciar recursos públicos de xeito continuado e Seaga vese desbordada por non facer unha previsión de traballo a tempo. “Hai rozas xa pagadas de anos anteriores sen executar aínda, iníciase un novo convenio sen executar subsidiariamente,...”, enumerou, logo de considerar inasumíbel que “a primeiros de agosto a xestión das faixas secundarias non chegaba ao 20%”.
Neste sentido, recordou que o propio conselleiro de Medio Rural recoñecera que a esas alturas do verán había 65.000 propietarios sen notificar, ao que a deputada nacionalista engadiu que “hai concellos onde propietarias adheridas ao convenio xa fixeran dous pagos e tiñan o traballo sen facer por parte de Seaga”. “Mentres, a propaganda oficial da Xunta fala das marabillas do sistema e o conselleiro se vanagloriaba en prensa de que case 270 concellos están adheridos ao convenio, cando no mes de xuño “el mesmo dicía que o Goberno galego arrancara eses días as inspeccións para comprobar se as faixas secundarias estaban limpas, así como os requirimentos aos propietarios para fagan os traballos”.
“Saben cantas persoas dixo nese momento o conselleiro que estaban acometendo eses traballos de control das limpezas en todo o país? Neses 30.246 núcleos de poboación? 36. Se non fose unha desgraza o chiste contábase só”, criticou con severidade, para pedir a continuación á Consellería que deixe de “vivir da propaganda e baixe á realidade”, a realidade na que a primeiros de agosto se estaban licitando traballos de rozas en concellos de alto risco, como o da Gudiña, e en case toda a provincia de Ourense. “E que a día de hoxe temos contratos desertos e outros licitados sen asinar”, afirmou.
Albert considerou necesarios outros prazos para que as medidas sexan efectivas antes do período de alto risco “porque os concellos non teñen medios para abordar a cuestión, porque hai faixas de protección con pirófitas como a acacia negra sen retirar por preguiza e, sobre todo, porque esta medida ten que ser temporal, mentres non se lle dá utilidade a ese abandono ou uso perigoso das fincas situadas en faixas de protección”. Ao seu xuízo, o abandono destes predios é responsabilidade das e dos propietarios e a seguridade das facendas e vivendas debe ser prioritaria.
Para a portavoz de Montes do BNG, a prevención e a protección das vidas dos cidadáns e cidadás dos núcleos do medio rural “non se fai con propaganda, senón con medidas efectivas que devolvan os núcleos rurais e unha seguranza na actividade agrogandeira”, perdida polo que cualificou para concluír como “políticas suicidas que sumiron gran parte do noso territorio na infrautilización e no abandono”.