BNG pide ao goberno galego que rectifique e cambie o rumbo da súa política económica para facer fronte a brutal suba de prezos

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas afirma que a Xunta non está acertando e só busca servir ao ex-presidente Feijóo na súa campaña electoral baseada no “canto peor mellor”

A deputada do BNG, Noa Presas criticou a política económica “errática” do goberno galego e pediu un cambio de rumbo para facer fronte a brutal subida de prezos que coloca á poboación galega en clara desvantaxe respecto da media do estado.

Para a nacionalista, a Xunta “non está acertando” e só busca servir ao ex-presidente Feijóo na súa campaña electoral baseada no “canto peor mellor”.

No transcurso da interpelación ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos,  Noa  Presas afirmou que o Goberno galego  “se evade da realidade” e non asume a principal preocupación dos galegos e galegas: “a situación económica”.

Ante o iniciou do ano 2023, a nacionalista preguntou polas perspectivas económicas e sobre unha política dos conservadores, que ao seu xuízo, persiste en non anticiparse e paliar a situación das  persoas que peor o están pasando nunha crise que se alonga no tempo e coloca cada vez a  máis persoas “ao borde do precipicio”.

Tras recoñecer  a complexidade social e económica, a nacionalista explico que  este contexto ven marcado pola  permanencia de altas taxas de inflación nas principais economías do planeta, a suba de tipos de xuros dos bancos centrais, a prolongación da guerra de Ucraína, grandes tensións xeopolíticas como a de Estados Unidos e China e guerras, máis ou menos, soterradas polo control dos recursos enerxéticos.

Todos os indicadores apuntan a que ano 2023  será un “ano de desaceleración da economía” ao que sumou os déficits estruturais do Estado español dos que o Partido popular é “corresponsable”. “A débeda pública española está en máximos históricos: supera os 1,5 billóns de euros representado un 116% do PIB”.

A economía galega frea a súa actividade económica

Segundo a parlamentaria, a crise en Galiza está agravada pola falta de “soberanía política e económica” e as “políticas erráticas do Partido popular”. Presas lembrou que co último dato, para decembro de 2022,  Galiza outra vez ten un aumento do IPC superior ao do Estado. “Galiza 6,4%. O Estado, sete décimas menos: 5.7%” e unha  “inflación subxacente do 7,8%, nove décimas superior á rexistrada en novembro (6,9%) e oito décimas superior á rexistrada a nivel estatal (7,0%)”.

A maiores, indicou que o  último Informe do Foro económico Galego insiste en que a economía galega “frea a súa actividade económica”. O  PIB  galego ralentízase significativamente  e mentres as economías europeas presenta taxas de crecemento, esa taxa en Galiza é “cero”.

Galiza, recalcou a deputada do BNG,  “aínda non recuperou os niveis de actividade anteriores á Grande Recesión e arrastra unha fonda crise industrial pese a ter factores estratéxicos como os seus recursos naturais”.

Noa Presas sinalou que a gravidade da crise económica obriga a que  “dous de cada dez asalariados gañan menos de 1.000 euros ao mes en Galiza” , máis de 170.000 persoas, máis que habitantes ten Ourense, Vilagarcía e Lalín xuntos ao que sumou a grave situación provocada polo acceso a unha vivenda, pensións máis baixas que no resto do estado e precariedade laboral, que afecta de maneira maioritaria ás mulleres.

Esta é a realidade, dixo Presas,  “Galiza é un país máis empobrecido grazas ás políticas do Partido popular” e xa non valen  “nin a propaganda nin as medidas timoratas”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG