Congreso

O BNG pide ao Goberno español que condene o golpe de estado e a represión en Bolivia

MAS (Bolivia)
MAS (Bolivia)
Néstor Rego rexeita que tanto a Unión Europea como o Goberno do Estado español chegasen a equiparar os golpistas e o Goberno lexítimo de Evo Morales.

O Deputado do BNG, Néstor Rego, rexistrou no Congreso dos Deputados unha pregunta relativa á crise política e social que está a sufrir o pobo de Bolivia e ao posicionamento do Goberno español. O BNG cuestiona que o Goberno non condenase claramente o golpe de Estado contra o goberno de Evo Morales e pregunta por que aínda non se pronunciou sobre a brutal represión desatada polo goberno golpista e polas forzas militares, paramilitares e policiais contra o pobo boliviano, unha represión que ten un fondo clasista e racista e que provocou a morte de ducias de persoas.

O BNG quer saber sobre a posición actual do Goberno español e máis concretamente se Considera lexítimo o goberno de facto presidido por Jeanine Añez que chegou ao poder coa axuda da forza militar e policial.

O deputado nacionalista salienta que tras as eleccións presidenciais que tiveron lugar o pasado 20 de outubro de 2019 no Estado Plurinacional de Bolivia, en que a candidatura de Evo Morales á presidencia resultou gañadora, se iniciou unha campaña de violencia e desestabilización dirixida por sectores da dereita económica e política que non asumiu os resultados; campaña violenta á que se sumaron sectores do exército e da policía e que acabou por forzar a saída de Evo Morales.

Considera Néstor Rego que detrás do Golpe se achan sectores reaccionarios da dereita política e económica, que nunca aceptaran as políticas de recuperación de soberanía e mellora das condicións de vida da maioría da poboación promovidas polo goberno do MAS. Mais tamén avalía que supón un novo paso na estratexia de desestabilización da rexión deseñada e practicada polo Departamento de Estado e os diversos servizos de intelixencia dos EEUU, que consideran que teñen dereito a interferir nos asuntos internos dunha rexión que consideran o seu patio traseiro.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG