Ante o alto grao de sinistralidade en puntos da N-640 ao seu paso polo termo municipal da Estrada, o BNG decide rexistrar novas iniciativas solicitando o compromiso do Ministerio de Transportes para levar a cabo actuacións inmediatas que melloren a seguranza viaria na infraestrutura. A senadora do BNG, Carme da Silva, sinala a necesidade evitar o risco de accidentes e atropelos, sobre todo no paso polo núcleo urbano, e pide ao Goberno información sobre o proxecto e construción da variante da Estrada.
Os atropelos na travesía urbana Benito Vigo (N-640), que concentra numerosas servizos a unha e a outra marxe da vía, son habituais. A localización de servizos neste punto como a sede do Concello, o Centro de Saúde, os dous xulgados ou as dúas escolas infantís ademais de supermercados e tendas, supuxo un significativo aumento de tráfico. Nos últimos anos, lembrou a senadora do BNG, contabilizáronse nove accidentes e dous deles con vítimas mortais.
“O Ministerio debería analizar con detemento o que ocorre no tramo de 2,7 quilómetros de lonxitude pola Estrada que a pesar de contar con medidas, como pasos de peóns e semáforos, estas son insuficientes” destaca Carme da Silva. De facto, esta situación pon claramente en evidencia a necesidade de reforzar as medidas de seguranza viaria “tanto no núcleo urbano como nas distintas parroquias do municipio””.
Variante da Estrada: proxecto pendente impulsado no acordo do BNG
“A solución de fondo, alén das medidas que se tomen para mellorar a seguranza viaria neste tramo, consiste en retirar o paso de vehículos no centro da Estrada e construír a tan demandada variante” sinala a senadora do BNG. Esta vía, explica da Silva, permitiría reducir “tanto o tráfico como o perigo” mais os sucesivos gobernos do Estado -dunha e outra cor- meteron nun caixón este proxecto, a pesar da demanda veciñal, durante vinte anos.
A senadora nacionalista lembra que a construción da variante da Estrada está recollida como compromiso por parte do novo Goberno do Estado a través do acordo conseguido polo BNG na investidura. Neste sentido, da Silva interésase polo estado da licitación do contrato de asistencia técnica para a redacción do proxecto e construción. “Esta infraestrutura non pode seguir aparcándose e debe tomarse en serio” sentenza Carme da Silva.