A portavoz nacional, Ana Pontón, conseguiu o aval unánime de toda o Parlamento para volver reclamar a transferencia da AP9 para Galiza,- como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes-, nesta ocasión despois de que o Tribunal Constitucional declarase ilegal que o Goberno central vete debates lexislativos no Congreso alegando futuras e inconcretas repercusións nos orzamentos do Estado.
“Esperamos que a terceira sexa a vencida”, salientou Pontón quen, tras destacar o papel do BNG no impulso deste debate, apostou con decisión por seguir mantendo unha posición de país sobre un asunto clave para Galiza.
“É importante que esta iniciativa vaia co aval de todo o Parlamento e que cando se debata en Madrid vaiamos en nome de Galiza a reclamar algo que outros xa conseguiron, porque non podemos esquecer que vascos e cataláns xestionan desde hai décadas autoestradas similares. Se o Estado transferiu autoestradas a Euskadi e Cataluña, por que Galiza ten que ser menos?”, interpelou Pontón.
Neste sentido, a dirixente nacionalista considera que o feito de que sexa o Parlamento quen impulse o debate da lei presentada polo BNG “dálle máis forza e abre máis opcións de éxito para avanzar en temas enquistados aos que o tempo ven darnos a razóns e deixa en evidencia as sucesivas mentiras que do Goberno central”. Esa razón acaba de ser referendada polo TC, ante o que o Bloque tamén presentou recurso polo veto do PP ao debate no Congreso da lei de transferencia da AP9.
Sentenza que subliña a actuación antidemocrática do PP, con decisións cuxa ilegalidade xa era advertida previamente polo servizo xurídico da Cámara alta, e tendo en conta ademais que a dobre “labazada” a Galiza se fixo “con mentiras e trapalladas”.
Pontón reafirmou o total compromiso do BNG en lograr unha AP9 galega e libre da estafa das peaxes, absolutamente necesaria ante unha concesionaria “que se comporta como unha empresa pirata”, tanto polo feito de enviar a paraísos fiscais parte dos seus cuantiosos beneficios como polo mal trato que da ás usuarias e usuarios que, unha vez máis, volveron soportar colapsos na Ponte de Rande.
Novos colapsos, novo maltrato de AUDASA
“Esta fin de semana volveu haber colas quilométricas e nin Fomento nin AUDASA tiveron a decencia de desculparse coas persoas atrapadas, un novo argumento para pedir a transferencia”, subliñou Pontón.
A portavoz do BNG botou de menos que o presidente Feixóo “non aproveitase o autobús co que tivo que desprazarse a Sarria para coller o tren co ministro Íñigo de la Serna, -que xa ten graza viaxar por estrada para promocionar o tren-, na súa última tour propagandística e con tufo preelectoral, para darlle un baño de realismo en Rande, cuxas obras de ampliación foron inauguradas a fume de carozo só para subir unha peaxes que son unha estafa”, ironizou.
A proposición de lei presentada polo BNG seguirá agora o seu trámite parlamentario, co obxectivo de conseguir a xestión desde Galiza da autoestrada, acabar coa estafa das tarifas desorbitadas e poñer fin aos abusos da concesionaria, “para que a AP9 deixe de ser un gran negocio para AUDASA e pase a estar ao servizo dos e das galegas”, concluíu.