BNG impulsou o acordo no Parlamento galego para que a Xunta reclame do Estado, con carácter previo ao peche das negociacións, todos os datos necesarios para poder determinar a afectación dos agricultores e gandeiros galegos do modelo que se propón polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), en especial os datos sobre a delimitación, as superficies e os importes da axuda básica nas novas rexións PAC, en particular daquelas nas que estarían as explotacións galegas.
Así mesmo, a iniciativa aprobada na Cámara inclúe, unha vez se dispoña dos datos solicitados do MAPA, a realización dun estudo sobre a afectación da converxencia interna nas rexións de pago básico da PAC para as explotacións galegas. Por último, recóllese tamén o compromiso de protexer o modelo de explotación familiar galega no marco de negociación do Plan Estratéxico da nova PAC, co fin de que as pequenas e medianas explotacións no acaben sendo castigadas polo modelo de converxencia.
Na comisión parlamentaria de Agricultura, a portavoz nacionalista de Desenvolvemento Rural, Carme Aira, advertiu con respecto á nova PAC de que se descoñecen como se van definir as novas rexións, pero subliñou que o que parece claro é que se van modificar os valores medios das futuras rexións e recordou que Consello Europeo e Parlamento difiren sobre a magnitude mínima da converxencia, que todos os dereitos alcancen un valor unitario do 75% (Consello) ou do 85% (Parlamento) da media rexional.
“Con independencia da porcentaxe mínima que fixe o novo regulamento, vai ser o Ministerio o que decida se fica no mínimo establecido pola normativa comunitaria ou vai máis alá”, explicou, para recalcar a continuación que, ademais, o impacto desa converxencia vai vir determinado polas novas rexións PAC que se establezan.
“Esta é unha cuestión fundamental para o futuro e sobre a que existe unha grande incerteza”, alertou logo de lembrar que, segundo foi pasando o tempo as informacións sobre a posición do Ministerio foron cambiando, “desde as que falaba dunha redución radical no número de rexións até as últimas que falan de 19 rexións”, indicou.
Ao seu xuízo, isto pode ter importante impacto no volume de axudas que recibe a agricultura galega e “afectar de forma moi notábel” a un número significativo de explotacións, polo que considerou preciso prevelo de cara a adoptar as medidas necesarios para que o prexuízo causado sexa o menor posíbel.
Aira reprobou a falta de transparencia no proceso de reforma da PAC para o período 2021-2027, agora 2023-2027, que mantén ao sector agrario galego nunha situación de elevada incerteza, tanto polo que se refire á aprobación definitiva dos novos regulamentos comunitarios como pola concreción no Estado Español desa reforma a través do Plano Estratéxico da PAC 2023-2027, así como pola decisión da Xunta de non pronunciarse ata o remate da negociación sobre como vai concretar as axudas do segundo piar da PAC e que medidas vai adoptar.
Á espera de que como se concrete a aplicación da PAC 2023-2027 no Estado, a deputada nacionalista apuntou que o que si xa se sabe é que “a converxencia vai producir importantes variacións nos ingresos individuais dos perceptores”, polo que para coñecer o impacto que pode supoñer no novo período considerou “imperativo saber primeiro o impacto que ten a converxencia no ano 2021 e o que vai ter no ano 2022”.
“Cómpre estimar o impacto que pode ter para os distintos grupos de explotacións, prestando especial atención a aquelas explotacións cuxa viabilidade económica pode ser posta en causa por unha redución das axudas froito da converxencia”, afirmou, para engadir a continuación que “se o goberno do Estado non ofrece información, poden utilizarse a información que ten o FOGGA”.
Segundo recalcou, este coñecemento “debería permitir, se fora preciso, deseñar axudas compensatorias á maior brevidade para evitar a desaparición de explotacións como consecuencia da converxencia”. “Para isto só hai que ter vontade política”, concluíu.