parlamento galego

BNG logra un acordo para impulsar dende Galiza un plan industrial que permita ampliar a carteira de negocio de Navantia

Ramón Fernández Alfonzo
Ramón Fernández Alfonzo
Fernández Alfonzo defende a recuperación da actividade naval civil e reclama un dique para nova construción e outro máis para reparacións

O BNG acadou hoxe un acordo parlamentario para promover dende Galiza un plan industrial que permita ampliar a carteira de negocio de Navantia e mellorar e modernizar as súas instalacións para facer máis competitiva a empresa, dándolle así máis oportunidades de futuro tamén a toda a comarca de Ferrol. O acordo chegou despois da chamada ao consenso que fixo o  deputado Ramón Fernández Alfonzo, quen advertiu que “a comarca de Ferrol e Galiza precisan que o Parlamento galego sexa unánime en defender unha Navantia diversificada e con instalacións modernizadas, e a Xunta debería ser un dos actores máis proactivos para que ese modelo de empresa chegue a ser realidade”.

A proposición non de lei aprobada insta á Xunta a reclamar do Estado a súa entrada no consello de administración de Navantia, así como a adxudicación ao Centro Navantia ría de Ferrol das construcións militares de mediano e gran porte, “como viña sendo norma historicamente”. Reclámase ademais a introdución de Navantia ría de Ferrol nos segmentos con maior carga tecnolóxica das actividades relacionadas coas enerxías renovábeis e a descarbonización da mobilidade marítima.

A iniciativa nacionalista demanda así mesmo ao Goberno do Estado a dotación de novas infraestruturas, como un  dique para nova construción e outro para reparacións de maiores dimensións que o actual dique 3, así como mellorar e aumentar a capacidade dos sistemas de elevación de cargas. A descentralización da política de compras e subcontratación favorecendo ao tecido empresarial do territorio de referencia para Navantia ría de Ferrol é a última das demandas acordadas.

A iniciativa tamén incluía solicitar ao Estado a recuperación da actividade de construción naval, máis o PP descolgouse do acordo neste punto.

“Estamos nun contexto internacional no que hai oportunidades de negocio moi interesantes para Navantia, pero hai que apostar por entrar, e hai que facer investimentos en novas infraestruturas”, asegurou durante o debate da iniciativa Fernández Alfonzo, que, no mesmo sentido, engadiu que “hai un mercado potencial na área de reparacións impresionante, que inclúe as grandes transformacións, prolongación do ciclo de vida e mesmo as adaptacións dos motores ás novas esixencias en materia de mobilidade marítima”.

Referiuse así a un recente informe da Lloyd’s Register estima que habería uns 20.000 buques empregando combustíbeis fósiles máis aló do 2050 por falta de estaleiros con capacidade e experiencia na modernización de motores.

O deputado da comarca de Ferrol subliñou a importancia do momento para tomar “decisións políticas” respecto ao modelo de empresa de Navantia, pois é agora cando se está a negociar un novo plan industrial, que vai determinar o futuro da empresa e, consecuentemente, da economía de Ferrol e a súa comarca.  É por iso que “non se entende que o Goberno galego estea totalmente ausente e despreocupado do deseño que para o futuro da empresa se está perfilando”, advertiu.

O veto á construción naval civil, unha cruz no mapa

Fernández Alfonzo incidiu en que o futuro da empresa vai depender de decisións políticas, como no seu día foi o veto á construción naval civil na ría de Ferrol, “unha cruz no mapa e non un problema de mercado, como se nos quixo vender”, dixo. “Non nos cansaremos de denunciar que a dependencia da construción naval militar significa seguir condenados a vivir en grandes picos de ocupación seguidos de grandes caídas, e así non hai futuro, nin para a comarca nin tampouco para asegurar un proxecto empresarial que precisa de moita man de obra especializada que expulsamos sistematicamente do mercado laboral da comarca”, salientou.

O deputado nacionalista destacou a importancia do acordo acadado tendo en conta o peso que Navantia ten para a economía galega e, sobre todo, para a comarca de Ferrol que, segundo destacou, depende tamén “social e mesmo demograficamente” da súa actividade.

O texto aprobado é o seguinte:

“O Parlamento de Galiza insta á Xunta a demandar do goberno estado:

  • A entrada no Consello de administración de Navantia.
  • A adxudicación ao Centro Navantia ría de Ferrol das construcións militares.
  • de mediano e gran porte, como viña sendo norma historicamente.
  • A introdución de Navantia ría de Ferrol nos segmentos con maior carga tecnolóxica das actividades relacionadas coas enerxías renovábeis e a descarbonización da mobilidade marítima.
  • A dotación de novas infraestruturas, como un dique para nova construción e outro para reparacións de maiores dimensións que actual dique 3, así como mellorar e aumentar a capacidade dos sistemas de elevación de cargas.
  • A descentralización da política de compras e subcontratación favorecendo ao tecido empresarial do territorio de referencia para Navantia ría de Ferrol”.

*O punto que o PP non aceptou dicía o seguinte: “A recuperación da actividade de construción naval civil”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG