A viceportavoz nacionalista, Olalla Rodil anunciou que o BNG tratará, de maneira monográfica no vindeiro pleno as consecuencias da carestía da vida. Tras a xunta de portavoces para dar conta dos asuntos da vindeira sesión plenaria, Rodil lamentou que o Partido popular vetara a solicitude do BNG de comparecencia de Feijóo para explicar que medidas vai adoptar o Goberno galego diante da escalada de prezos que está afogando as familias, os fogares galegos; as pequenas e medianas empresas, os sectores produtivos deste país e outros como o transporte.
“Levamos semanas vendo como soben os prezos, como aumenta a inflación marcando máximos de hai 30 anos e aínda non coñecemos nin unha soa proposta, nin unha soa medida da Xunta de Galiza para paliar as consecuencias que ten sobre as maiorías sociais deste país e sobre o tecido económico galego”, aseverou.
A xuízo da deputada, Feijóo é “un artista” buscando culpables; repartindo responsabilidades, pero cando ten que asumir as súas como presidente da Xunta desaparece. Hoxe onde está? preguntou.
Neste sentido, criticou que mentres o conselleiro de Medio Rural anuncia “unha hecatombe” para o sector agrogandeiro, a frota amarrada, e o transporte de mercadorías parado, Feixóo continua coa súa tourné por España como único candidato á presidencia do Partido popular.
A parlamentaria avanzou que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará a Feixóo polas medidas que vai impulsar a Xunta ante a escalada de prezos. Ademais, o BNG tamén interpelará ao goberno sobre as consecuencias da suba de prezos nos fogares e nos sectores económicos.
Tamén formularemos,dixo, unha pregunta sobre o impacto da escalada de prezos nos combustibles,tanto no gasoil como na gasolina no sector pesqueiro e o anuncio de paro da flota a partir do día 21.
O paro da frota, advertiu, terá graves consecuencias para o sector e para o conxunto da cadea mar-industria, sobre todo na conserva e alimentación doméstica.
Por outra banda, o BNG tamén defendera dúas Proposicións non de lei para reclamar ao goberno español a prohibición “con carácter permanente” do corte de subministro tanto luz como gas, modificar o bono social da Xunta para “entendelo a máis persoas” e ampliar Tarxeta Básica ,de axuda urxente para persoas en situación de pobreza ou risco de padecela, máis alá do mes de xuño, ante o empeoramento da situación económica.
A viceportavoz do BNG recalcou que o Goberno galego pode actuar no marco das súas competencias para paliar o impacto da crise nos sectores produtivos, nas empresas e nos fogares, e nesa liña irán as propostas do BNG no vindeiro pleno, concluíu.