A parlamentaria do BNG, Montse Prado argumenta na proposición non de lei que son estruturas organizativas de promoción e desenvolvemento da investigación nos hospitais, como espazos multidisciplinares e co obxectivo de promover a investigación e innovación, para garantir a aplicación efectiva dos resultados en beneficio das/os cidadáns, a través da aplicación clínica, aportando importantes beneficios na saúde das persoas.
Os presidentes e presidentas dos comités de empresa da Fundación Biomédica Galicia Sur, Fundación Prof. Novoa Santos e Fundación IDIS trasladaron aos Grupos Parlamentares a situación laboral do persoal e demandaron o seu apoio, co fin de apelar á consellaría de Sanidade a aceptar un convenio colectivo digno.
O convenio afecta a máis de 500 traballadores/as que a día de hoxe non contan cunha norma propia que regule as súas condicións laborais e obrigas profesionais. Esta situación, explica Prado, impide un correcto desenvolvemento da carreira investigadora en Galiza, non dignifica as condicións laborais e pon en perigo a captación do talento pola falta de interese da consellaría de Sanidade.
Os representantes do persoal das fundacións denuncian ademais que, mentres a consellaría se gaba do alto valor da investigación científica en Galiza e dos beneficios que isto reporta para os avances da medicina e a súa aplicación clínica para a saúde da poboación, ao tempo condena @s profesionais a condicións de inestabilidade e precariedade laboral.
A deputada reclamará na Cámara galega: “Desbloquear a negociación do convenio colectivo d@s Fundacións Biomédicas de investigación sanitaria de Galiza: Fundación Biomédica Galicia Sur, Fundación Prof. Novoa Santos e Fundación IDIS. Abrir unha negociación para un convenio colectivo digno en base á realidade existente en Galiza e para todas as categorías e designar representante da Consellaría de Sanidade para a negociación con capacidade de decisión.