Parlamento Galego

BNG interpelará o conselleiro para reclamar que se cubran as tres prazas de pediatría na área sanitaria de Valdeorras

Secundino Fernández
Secundino Fernández

O deputado Secundino Fernández esixe á Xunta do PP que non siga castigando as nenas e nenos da comarca e a poboación do rural

O BNG interpelará directamente o conselleiro de Sanidade no próximo Pleno para reclamar que se cubran as tres prazas vacantes de pediatría na área sanitaria de Valdeorras, que desde outubro non conta con ningún especialista neste campo no centro de saúde do Barco.

Na iniciativa rexistrada polo deputado Secundino Fernández, que formulará a pregunta o mércores, exponse que unha das tres prazas, que cubría a quenda de tarde, leva máis de seis anos sen repoñerse, “supoñendo un déficit crónico de profesionais neste campo”.  Das dúas quendas que había pola mañá, unha delas está vacante desde a xubilación do seu titular en 2022 e foi ocupada por unha puericultora até primeiros de 2024, momento no que a profesional tomou posesión noutra praza, quedando de novo vacante.

Na exposición de motivos, Fernández asegura que a situación se “agudiza”, converténdose en “insostible” a partir de primeiros de novembro debido á xubilación do único pediatra que quedaba. É dicir, a día de hoxe non hai ningún especialista para atender as arredor de 2.500 nenas e nenos aos que lles corresponde o centro de saúde do Barco de Valdeorras, do que dependen os concellos de Viana do Bolo, Rubiá, Manzaneda, O Barco, Larouco ou Carballeda.

Os pais e nais de Valdeorras levan desde a pasada primavera denunciando a situación con mobilizacións, cun “traballo abnegado, gastando moitas horas do seu tempo para loitar polos seus dereitos sanitarios”. Mesmo falando cos grupos políticos, conseguindo un acordo unánime tanto no Barco como, a iniciativa do BNG, en Viana do Bolo para esixir atención pediátrica. Malia todo, despois de comunicarlles ao Sergas que a situación se faría insostible a partir de outubro, non obtiveron resposta algunha.

Secundino Fernández subliña que os nenos e nenas afectadas pola falta de pediatra pertencen a unha comarca “con graves problemas de despoboamento e moi extensa e montañosa, no que as distancias se fan máis longas debido ás dificultades  orográficas e aos déficits de comunicacións”

É por iso que o deputado nacionalista manifesta, na iniciativa, o apoio do BNG ás “reivindicacións xustas” dos pais e nais e demanda que “se tomen medidas para cubrir as prazas” e que “non se siga castigando deste xeito a poboación do noso rural”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG