A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Noa Presas, levará esta semana á cámara galega a marxinación do interior con respecto ás infraestruturas ferroviarias. Cunha interpelación á conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, a deputada nacionalista incide na discriminación e agravio en materia ferroviaria que se aplica ao interior de Galiza.
“Estas son as consecuencias da discriminación do interior e dun modelo centralista cuxa única preocupación é a conexión coa Meseta no lugar da vertebración do país” sinalou a deputada, Noa Presas. Asemade, continua afirmando que “o abuso económico e a insuficiencia de servizo entre Ourense, Santiago e Coruña é unha auténtica estafa”.
“Non podemos permitir que o Avant de Ourense sexa o máis caro do país cando temos a peor situación económica” afirmou Presas. Hai máis un ano, segundo sinalada a deputada, a cámara galega chegou a un acordo por unanimidade onde se instaba a Rajoy a rebaixar os custos do billete. Unha vez Sánchez tomou posesión, tamén este negou a baixada de prezo.
A día de hoxe atopámonos cunha negativa, por parte do Estado, subindo a tarifa da viaxe Ourense-Santiago. “O prezo do billete subiu 1.10€ mentres que no resto de desprazamentos subiu unha media de 32 céntimos” explicou a deputada nacionalista. “Dende o BNG continuamos a esixir unha baixada dos prezos e un aumento das frecuencias dos trens” sentenciou Noa Presas.