Parlamento Galego

BNG esixiu no Parlamento ao PP que garanta á veciñanza un PAC e servizos de urxencias no novo centro de saúde de Moaña

Veciñanza de Moaña no Parlamento
Veciñanza de Moaña no Parlamento

O deputado Paulo Ríos acusa á Xunta de Rueda de castigar e faltarlle ao respecto ás persoas que se levan 175 semanas loitando polos seus dereitos

O deputado do BNG Paulo Ríos Santomé preguntoulle ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño se o seu Goberno vai garantir á veciñanza de Moaña un Punto de Atención Continuada (PAC) e servizos de urxencias no novo centro de saúde de Moaña, actualmente en construción. Pediulle que cumpra co compromiso asinado co Concello, despois de que a Xunta de Galiza trasladase o PAC durante a situación de emerxencia da Covid19 a Cangas.

O deputado da comarca manifestou, cando esta semana se cumpren cinco anos desa medida organizativa provisional, que “ninguén entende que unha vila de 20.000 habitantes siga sen ter un PAC” e recriminou ao PP que “busca culpables e responsables en todos lados, na veciñanza, no Concello ou nos profesionais cando a responsabilidade de non contar co servizo de urxencias que merece é unicamente da Xunta de Galiza e do Conselleiro de Sanidade”.

 É por iso que Ríos emprazou a Gómez Caamaño a dicirlles aos veciños e veciñas que estiveron seguindo a sesión desde unha sala do Parlamento, a que lles “fale claro” en non continúe a “enganar e a rirse” deles, que levan ademais 175 semanas de mobilización continuada en loita polos seus dereitos”. “Lonxe de solucionarse o problema, o Executivo de Rueda “faltou ao respecto á loita veciñal en múltiples ocasións, así como tamén á presidenta da Mesa Local da Sanidade de Moaña, a alcaldesa Leticia Santos”.

Durante a súa intervención recordoulle ao responsable de Sanidade da Xunta que, a día de hoxe, a data máis próxima para conseguir unha cita en atención primaria está en sete días, pero que chegaron a ser 15. “Hoxe ten a oportunidade de rematar con este castigo e con este pesadelo”, convidou.

Na súa quenda de réplica contestoulle ao conselleiro que o que lle ten que asegurar é que, unha vez que abra o centro de saúde en maio “terán asistencia de urxencias as 24 horas do día”, tal e como se recollía no convenio co Concello, onde se asinou que, co novo centro, Moaña non ía ter ningún servizo menos do que tiña. “Vostedes non teñen ningún tipo de palabra”, replicoulle a Caamaño cando dixo que “habería que avalialo” e engadiu que non pode vir ao Parlamento dicir que Moaña terá as urxencias cando se constrúa o novo Centro Integral de Saúde do Morrazo. “Iso é ciencia ficción. A xente necesita as urxencias hoxe, non dentro de cinco anos”, remarcou.

Na iniciativa, o BNG quere por de manifesto que, coa escusa da crise a Xunta de Rueda aplicou na última década duras políticas de recortes e fixo modificacións lexislativas e organizativas que danaron gravemente a Sanidade Pública de Galiza. A  Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes, con ”consecuencias, tremendas”: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitución, as listas de agarda de máis dunha semana para médica/o de familia, peche de axendas, saturacións, ausencia de pediatras, ou PACs ao límite.

Asegura que, cinco anos despois, non se pode comprender as restricións derivadas da pandemia fosen retiradas polo goberno central, a Casa do Mar de Moaña continúe sen urxencias e sen recuperar os ratios de consultas presenciais anteriores á mesma, ademais de soportar atrasos moi importantes nas citas da atención primaria.

A permanencia destas medidas ilóxicas por parte da Xunta de Galiza só perseguen, para o BNG, un obxectivo: continuar co desmantelamento da rede pública sanitaria, potenciando o transvase de doentes cara as redes privadas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG