No día no que remata a vixencia do acordo pesqueiro ilegal entre a Unión Europea e Marrocos, a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, insta á UE a negociar os novos acordos comerciais co Frente Polisario de forma que se cumpran as reivindicacións do Pobo Saharauí sobre o Sáhara Occidental e que poidan xestionar os seus propios recursos.
“É o momento de que se cumpra unha demanda histórica do Pobo Saharauí, hoxe que remata o protocolo de pesca UE - Marrocos adoptado hai catro anos”, salienta Ana Miranda, quen expresa a súa confianza de que a sentenza definitiva que debe emitir o Tribunal de Xustiza da UE -que xa anulou o acordo en setembro de 2021-, sexa favorable ao Pobo Saharauí.
A eurodeputada galega lembra que recentemente a Comisión Europea anunciou que ese acordo, que afecta a 128 licencias de pesca europeas (93 delas correspondentes ao Estado Español), non será renovado. Neste contexto, considera que para garantir a continuidade da actividade pesqueira en augas do Sáhara occidental “o lóxico é negociar cos seus lexítimos representantes, isto é, co Frente Polisario”.
Por outro lado, Miranda salienta que xa o Frente Polisario manifestou a súa dispoñibilidade para que esas licencias pesqueiras europeas sexan renovadas. “Este 17 de xullo é unha boa oportunidade para que a UE remate cunha ilegalidade e cumpra o dereito internacional, respectando o dereito de autodeterminación do Pobo Saharauí”, subliña, tras manter un encontro con representantes do Frente Polisario que participan no Cumio dos Pobos, evento alternativo a xornada UE-CELAC.
Apoio ás reclamacións
“Desde o BNG e o grupo Verdes-ALE seguiremos apoiando, como fixemos até agora, as reivindicacións do Frente Polisario e denunciando o espolio dos recursos terrestres e pesqueiros do Pobo Saharauí”, manifesta a eurodeputada nacionalista, quen anuncia o apoio as demandas que presente o FP a respecto dos pagos por prexuízos sufridos durante todos estes anos.