BNG insta ao goberno a presentar xa o recurso contra o veto á pesca de fondo aprobado pola Comisión Europea

A Coruña
A Coruña
Unha delegación do Bloque mantivo un encontro co sector pesqueiro na lonxa da Coruña

Unha delegación do BNG -integrada pola eurodeputada Ana Miranda, as deputadas no Parlamento Galego, Mercedes Queixas e Rosana Pérez, o portavoz municipal Francisco Jorquera e a concelleira Avia Veira- mantivo un encontro co sector pesqueiro na lonxa da Coruña, -encabezado polo seu xerente, Juan Carlos Corrás- para avaliar a resposta á decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en 87 caladoiros do Atlántico, que afecta a máis de 200 barcos de capital galego e máis de 4.000 tripulantes.

Para o BNG é imprescindible que se produza a moratoria na aplicación do novo regulamento de pesca e que o goberno estatal presente “xa” o recurso contra a súa execución, tal e como demanda o sector. Salientaron ao respecto que o sector conserveiro e pesqueiro, -pese as limitacións impostas polas TACs e as cotas de pesca e o impacto derivado do Brexit-, é un sector estratéxico, xa que xera en Galiza 9.000 millóns de euros ao ano e representa case o 6% do Produto Interior Bruto.

Ana Miranda reclamou ademais “información transparente” sobre os informes científicos e de impacto socioeconómico empregados pola Comisión Europea, xa que a propia Comisión recoñece que non están actualizados e sinala problemas na recepción de datos emitidos polos Estados Membros. Neste sentido indicou que xa os solicitou tanto na Comisión de Pesca da Eurocámara celebrada o pasado luns como por escrito.

A eurodeputada nacionalista anunciou ademais que no pleno do Parlamento Europeo que a vindeira semana se celebra en Estrasburgo debaterase este veto na sesión do xoves. “Desde o BNG volveremos subliñar que esta decisión é inxusta e desproporcionada e que só ten o obxectivo de expulsar a frota galega destes caladoiros de forma que o mercado terá que abastecerse de pesca que está sometida a menos controis que os europeos”, manifestou Miranda.

Axudas ao sector

“Cabería preguntarse se é máis sustentábel unha medida que suporá incrementar a importación de peixe doutros países, co impacto ambiental que supón o seu transporte; peixes comercializados, ademais, sen as garantías sanitarias que rexen na pesca na Unión Europea”, sinalou ao respecto o portavoz municipal Francisco Jorquera, quen tamén expresou dúbidas sobre a sustentabilidade de que, en plena crise de prezos e en plena crise alimentaria, se adopte unha medida que encarecerá aínda máis o peixe, expulsándo-o da dieta dos segmentos sociais de menores ingresos.

Segundo salientou Jorquera, cómpre artellar un paquete de axudas para asegurar a superviviencia dun sector estratéxico na nosa economía mentres non se resolvan a moratoria e o recurso. “Defendemos políticas que aseguren a pervivencia dos ecosistemas mariños, pero iso é conciliábel coa protección dunha actividade pesqueira que é estratéxica para territorios de alta dependencia da pesca como Galiza”, concluíu.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG