O portavoz e candidato do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto co alcalde de Fene, Juventino Trigo e a candidata nº 4 pola Coruña, Mercedes Tobío, lembrou en Fene que foi a única voz que, na pasada lexislatura, defendeu a mellora das infraestruturas ferroviarias. Rego debullou estas e outras iniciativas presentadas no Congreso con respecto ao mantemento da actividade industrial e criticou a negativa do goberno do PSOE-Unidas Podemos a aprobalas polo que defendeu que "é urxente un grupo galego determinante para que as nosas demandas se fagan realidade".
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, recordou o traballo realizado na pasada lexislatura en defensa dos intereses do concello e do conxunto da comarca de Ferrol, a través de distintas iniciativas e emendas aos Orzamentos do Estado. Así mesmo, a candidata nº 4 pola Coruña, Mercedes Tobío, destacou as iniciativas en relación coa implantación das cercanías ferroviarias, a electrificación e modernización da liña A Coruña-Lugo e Ferrol-A Coruña, reclamando a conexión Lugo-Santiago ou o by-pass ferroviario de Betanzos. "Para o BNG, unha rede ferroviaria de calidade é garantía de futuro, de aposta pola sustentabilidade e o desenvolvemento económico e tamén por poñer fin ao déficit histórico que padece a nosa comarca e Galiza", sinalou Mercedes Tobío na súa intervención en Fene.
Pola súa parte, Néstor Rego, lembrou que na pasada lexislatura o BNG arrancou un Acordo de Investidura que desbloqueou a Axenda Galega, que colocou sobre a mesa medidas para implementar solucións a problemas que, en casos, levaban décadas agardando. "Unha parte dese acordo foi cumprida (aí están os descontos na AP-9, a dragaxe da Ría do Burgo, a conexión ferroviaria co Porto Exterior da Coruña ou a modernización da liña Ourense-Lugo). Outra parte, temos que dicilo, foi gravemente incumprida, non só en materia de infraestruturas ou de atención á crise industrial do noso País, tamén en políticas sociais ou no que atinxe á transferencia das competencias pendentes á administración galega", apuntou o cabeza de lista da candidatura nacionalista pola Coruña.
Con respecto a Navantia, Néstor Rego criticou o voto en contra de todas as forzas estatais, incluíndo os seus deputados e deputadas galegas, ás iniciativas do BNG encamiñadas a reclamar o mantemento de actividade plena e diversificada, que inclúa a construción naval civil, e a participación da Xunta na dirección da empresa. Neste sentido, o BNG bateu coa negativa de PP, PSOE e Unidas Podemos á emenda encamiñada a que se destinasen 100 millóns de euros para a transformación nun complexo industrial integral con dedicación tamén á construción naval civil e ampliar a actividade sen limitar ao sector militar, o que revertería no aumento de postos de traballo.
O deputado nacionalista defendeu que "só un grupo galego forte e determinante pode ser garantía da mellora das infraestruturas ferroviarias, un eixo fundamental para situármonos no século XXI con vontade de responder aos retos do noso tempo, o servizo público e a sustentabilidade".
Lembrou Néstor Rego que o seu labor no Congreso conseguiu, entre outras cousas, a rebaixa da peaxe para persoas usuarias asiduas na AP9 mais bateu co voto en contra dos partidos que formaban o goberno para temas que considera "fundamentais para Galiza e o noso futuro como son os investimentos na rede ferroviaria que poñan fin á discriminación que nesta materia padecemos".
A situación, como apuntou, afecta de maneira especial á comarca de Ferrolterra, a quen, ao seu ver, se lle está "furtando un servizo imprescindíbel non só para a comunicación da propia veciñanza senón tamén para o desenvolvemento económico da comarca". Neste sentido, destacou a negativa do goberno á modernización e electrificación da liña Ferrol-A Coruña ou o by-pass de Betanzos e Feve que, segundo dixo, "están hipotecando o futuro de Ferrolterra e do país e son unha barreira para os sectores económicos, a creación de emprego, poñer freo ao declive demográfico e aumentar o benestar da poboación".
Políticas transformadoras fronte discursos baleiros
Defendeu Néstor Rego que o BNG aposta "de maneira decidida polo ferrocarril como medio de transporte público e non só polos beneficios económicos senón tamén medioambientais e, cando estamos falando de cambio climático e da urxencia de apostar pola redución de custo enerxético é necesario avanzar con feitos concretos e políticas realmente transformadoras e non con discursos baleiros".
Nestes tres anos e medio, "o BNG foi a única forza política que situou como prioridade a mellora da rede ferroviaria do país e atopou o silencio dos caladiños e caladiñas, das 22 voces que chegaron ao Congreso con votos galegos e furtaron a posibilidade de defender os nosos intereses".
O deputado e candidato nacionalista lembrou tamén que foi a do BNG a voz que insistiu en que se cumprisen os compromisos para a mellora dos trens da vía de ancho métrico entre Ferrol e Ribadeo nunha liña en que se detectaron erros de relevancia nos ferrocarrís.
Ao respecto, asegurou que o BNG "seguirá mantendo as demandas con máis forza a partir do 23X xa que un grupo galego forte será determinante e poderá esixir que os compromisos se cumpran e as propostas se fagan realidade". E, por iso, pediu que se lembrase que "o BNG é a única voz galega en Madrid, a que defende os nosos intereses sen se deber a ninguén máis que ás galegas e galegos".