A deputada nacionalista Iria Carreira reclamou á Xunta no Parlamento que a reapertura do centro sociocomunitario da Porta do Camiño de Santiago se realice con “todas as actividades e servizos” cos que contaba antes de ser pechado pola pandemia para asegurar o normal funcionamento dun centro que, segundo recriminou, leva máis de dous anos e medio pechado e cuxa reapertura foi anunciada polo Executivo galego o venres, curiosamente tan só tres días despois de que o BNG incorporara a súa iniciativa sobre este asunto na Xunta de Portavoces da Cámara para o seu debate neste pleno parlamentario e logo de meses de mobilizacións por parte das persoas usuarias.
“Van vostedes moi tarde porque tardaron máis de dous anos e medio en volver a ter o centro aberto ao público e fano cunha reapertura que nin sequera garante que poidan contar coas actividades e servizos cos que contaba previamente”, reprochou ao Goberno galego nunha pregunta parlamentaria, logo de reprobar a improvisación da reinauguración, hoxe, ata o punto de que algunhas traballadoras non tiveron tempo de ter o material preparado para a volta á actividade.
Carreira recriminou ao vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, que asegurase na súa resposta que o centro sociocomunitario xa estaba aberto cando “hoxe ás 09,00h da mañá ás usuarias que se achegaron ao centro o garda de seguridade lles negou o acceso porque, segundo lles dixo, ata as 17h, cando o director xeral chegase para proceder á inauguración, non había reapertura”. “As usuarias do centro da Porta do Camiño merecen moito máis deste goberno, merecen máis respecto e máis consideración que promesas baleiras”, incidiu.
Neste contexto, a deputada nacionalista criticou ao Goberno do PP que o seu interese “non é o bo funcionamento deste servizo”, senón “ter a nota de prensa para poder chegar aquí con algo” e nesta liña advertiu que ano tras ano as partidas dos orzamentos dedicadas a centros sociocomunitarios, centros de día ou residencias públicas para persoas maiores son mínimas. “Tan mínimas que non hai nin unha soa residencia pública construída en Galiza en 13 anos e tan mínimas como que son moitísimos os concellos do noso País que carecen dun centro de día público”, afondou, para subliñar a continuación que este último é precisamente o caso de Santiago, onde o BNG leva anos demandando a construción dun centro de día no barrio das Fontiñas, “tantos como leva o PP vetándoo”, concluíu.