parlamento galego

BNG exixe á Xunta que protexa os dereitos dos traballadores da empresa de transportes de Ferrol

Mon Fernández
Mon Fernández
O deputado Mon Fernández criticou que o PP votara en contra dunha iniciativa do BNG para que a Xunta faga cumprir os dereitos laborais dos traballadores en folga na empresa de transportes de Ferrol

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández Alfonzo, levou á Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos unha Proposición Non de Lei para instar ao goberno do Partido Popular convocar a comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano de Ferrol co obxecto de demandar da empresa o cumprimento dos acordos laborais acadados coa representación dos traballadores e traballadoras de maneira integra e de aplicación á totalidade do cadro de persoal da UTE.

A precarización do transporte público en Ferrol “é unha deriva constante”. Nos últimos anos, coa unificación do transporte escolar e o transporte discrecional, especialmente, agravouse aínda máis neste deterioro.

A empresa de transporte que se fixo coa adxudicación para realizar este servizo é a empresa ALSA, “unha gran empresa do sector sobre a que, por certo, pesan acusacións de ter actuado dun xeito ilegal para repartirse o mercado coa outra gran empresa do sector, a empresa MONBUS” apuntou Alfonzo.

O deputado do BNG sinalou que desde o mesmo momento no que gaña a concesión, ALSA aplica unhas condicións de traballo diametralmente opostas en ambas empresas. “Ao persoal de Intercar aplícalle o convenio colectivo provincial de transporte de viaxeiros por estrada”, que é de aplicación para todo o sector no ámbito da provincia da Coruña, mentres que ao persoal de Maitours lle aplica un convenio de empresa, o convenio da antiga empresa de Tranvías que “ten salarios entre 400 e 600 euros máis baixo que o outro, ao mes.

Esta diferencia de salarios provocou inmediatamente queixas e denuncias, que a empresa ALSA, grazas a súa condición de gran empresa e á súa posición de dominio en diferentes foros, “conseguiu paralizar até o de agora e que provocou finalmente que o cadro de persoal de Maitours teña que recorrer a convocar unha folga para defender os seus lexítimos dereitos” apuntou Alfonzo.

O deputado nacionalista criticou que a Xunta de Galiza nunha dupla vertente, por unha banda como administración licitadora do servizo, e que debe garantir que se cumpran as condicións estipuladas no prego de condicións da concesión deste servizo, e por outra banda como autoridade laboral na Galiza, que “debe facer cumprir a normativa laboral”. A todo isto, Fernández Alfonzo denunciou que dous meses despois de iniciada a folga, “modifican os servizos mínimos para, nada máis e nada menos, que aumentalos nun 300% a través dunha resolución da Xunta” o que o deputado cualificou de “disparate”. Unha medida que se xustificou polo inicio escolar ao que Alfonzo contestou que “os servizos mínimos só poderían modificarse por circunstancias imprevistas no momento en que se fixan inicialmente, e o inicio do curso non é unha circunstancia imprevista”.

Ademais, o deputado nacionalista exixiu á empresa concesionaria do transporte público na cidade o cumprimento do convenio colectivo do persoal e a súa aplicación á totalidade dos e das traballadoras ao seu cargo.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG