Santiago de Compostela, 23 de Decembro 2020.- Pleno. A parlamentaria do BNG en materia de Enerxía, Noa Presas instou á Xunta a comprometerse a presentar un “Plan B” se finalmente ENDESA deixa na estacada ás Pontes.
Nunha pregunta ao conselleiro de Industria, Presas lembrou que dende o anuncio de Endesa sobre o peche da súa central térmica nas Pontes, a decisión afectaría a máis de 2.000 persoas, transportistas do carbón, persoal de empresas auxiliares, traballadores e traballadoras do porto de Ferrol, e todo o tecido empresarial e emprego que depende indirectamente da actividade da central e da súa cadea de provedores.
Grazas as mobilizacións e reunión en diferentes ámbitos, explicou a nacionalista, acadáronse algún compromisos formalmente, entre os que destacou o da propia ENDESA para aceptar probar a alternativa de producir enerxía a partir de biocombustibles , cando menos en algún dos grupos.
Neste sentido, a deputada recalcou que ENDESA comprometeuse a estudar esa posibilidade de realizar probas con diferentes proporcións de biocombustíbel para contrastar a viabilidade técnica e económica do proxecto. Desde ese momento, afirmou, “toda a sociedade das Pontes e da comarca, viven pendentes do resultado de esas probas”. Máis a actitude de ENDESA hai tempo que evidencia unhas intencións moi diferentes ás recollidas nos acordos para a realización das probas. Primeiro porque está desfacéndose do seu persoal propio, trasladándoo lonxe da Galiza e porque ENDESA está “restrinxindo as probas a unha proporción de 50% biocombustíbel e 50% carbón, desbotando outras posibilidades máis sustentábeis”.
Críticas a pasividade do goberno do Estado e á Xunta
A deputada mostrouse moi crítica coa actitude do goberno central pero tamén coa pasividade da Xunta de Galiza polo que pediu ao titular de Industria, Francisco Conde que valore a situación tras as noticias que estes recollen diferentes medios de comunicación sobre discrepancias existentes no seo do comité técnico que fai o seguimento das probas, e que evidencian a determinación de ENDESA de manter unha folla de ruta que non contempla o mantemento da actividade na central das Pontes.
“A Xunta ten que explicar que vai facer para que As Pontes non viva unha reconversión brutal”, recalcou a deputada.
Conde responde con evasivas e sin compromisos
Pola súa parte, o conselleiro de Industria respondeu con evasivas culpando ao BNG de asinar co PSOE o peche da central térmica, ante o que a deputada pediu ao presidente da cámara que lese o punto do acordo para demostrar que o Vicepresidente da Xunta mentía, cuestión que non foi aceptada.
Na quenda de réplica a deputada recriminou a Conde a hipocrisía da Xunta que día de hoxe non pode explicar por que se “Xunta e Estado afirman que Galiza pertence ao Equipo-PAÍS PLATAFORMA ZONAS CARBONÍFERAS UE, a diferenza de outros territorios, como ASTURIAS, onde estar significa cousas tanxíbeis, avanzar na elaboración de proxectos, e na consecución de financiamento, mentres en Galiza todo está parado”.
A Xunta non pode desaparecer dunha problemática como esta. Ten responsabilidades. Teñen que poñer solucións e alternativas en riba da mesa para a reactivación económica das Pontes e da Comarca. Mentres Asturias anuncia proxectos por valor de máis de 90 millóns de euros, A Xunta non se pronuncia Xunta e tampouco aclara se dos 108 proxectos europeos algún vai estar destinado a esta parte do país, concluíu.