congreso

BNG exixe retirar a simboloxía franquista nas dependencias de Defensa en Ferrol e A Coruña

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, retirar todos os elementos e informacións que supoñan un enxalzamento da sublevación militar e a Ditadura Franquista

Paralelamente, propón incorporar o galego en rótulos, informacións e paneis dando normalidade ao idioma propio de Galiza no Museo Histórico Militar e no Museo Naval

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe retirar toda simboloxía, elementos e informacións que supoñan un enxalzamento da sublevación militar e a Ditadura Franquista de todas as dependencias titularidade do Ministerio de Defensa na cidade de Ferrol e A Coruña. A organización nacionalista propón revisar todo o contido de rótulos e informacións ofrecidas no Museo Histórico Militar e no Museo Naval para eliminar todo tipo de propaganda franquista e dar unha visión acorde coa realidade histórica e aproveitar esta revisión para incorporar o galego en rótulos e informacións.

“En distintos edificios e dependencias titularidade do Ministerio de Defensa nas cidades da Coruña e Ferrol aínda poden observarse elementos que supoñen un enxalzamento da Ditadura” sinala o deputado do BNG. Neste sentido, Néstor Rego, explica que estes elementos e informacións deben proceder á súa retirada tal e como estabelece o artigo 25 da Lei de Memoria Democrática aprobada en 2022.

Para a frente nacionalista, o Goberno do Estado debe retirar “toda simboloxía, elementos e informacións que supoñan un enxalzamento da sublevación militar e a Ditadura Franquista, así como dos militares e cargos que os promoveron, de todas as dependencias titularidade do Ministerio de Defensa, nomeadamente, os elementos arriba referidos que poden atoparse nas cidades de Ferrol e A Coruña e no contido do Museo Histórico Militar e do Museo Naval”.

Por outra banda, propón revisar todo o contido de rótulos e informacións ofrecidas nestes museos para eliminar todo tipo de propaganda franquista e dar unha visión acorde coa realidade histórica. “Aproveitando a retirada e a revisión deste material deberíase incorporar o galego en rótulos, informacións e paneis co obxectivo de dar normalidade ao idioma propio da Galiza nestes museos.

“A propia lei impón a obriga ás distintas Administracións Públicas de, no exercicio das súas competencias e ámbito territorial, adoptar as medidas precisas para proceder á retirada deses elementos contrarios á memoria democrática” asevera Rego.

Numerosos casos nas cidades da Coruña e Ferrol

No caso da cidade da Coruña, aínda se pode ver o Escudo coa aguia franquista na porta do Comandante de Garda no Cuartel de Atocha da Forza Loxística Operativa (FLO). Tamén a placa “SALA DE HONOR Tte. Gral, Yagüe”, coñecido como o “Carnicero de Badajoz” polo asasinato de 4.000 persoas polo exército franquista. Moitas das etiquetas e informacións que ofrece o Museo Histórico Militar, onde se oculta a realidade e causas da Guerra Civil e da posterior ditadura ou mesmo a conservación de bustos e retratos do ditador, así como a maqueta do buque “Castillo de Olite” un dos barcos da Armada sublevada, ou o uniforme, condecoracións e pistola doados por Sergio Peñamaría de Llano, entre outros elementos.

Pola súa parte, o Museo Naval de Ferrol, a pesar de tratarse de unha entidade dependente do Estado Maior da Armada e, polo tanto, titularidade do Ministerio de Defensa, “pode cualificarse directamente como un museo de exaltación e propaganda do franquismo”.

“Desde a deturpación do topónimo da cidade en distintas referencias até a falta total de rigor histórico en distintas informacións” afirma Rego. Ademais, no museo exhíbese unha bandeira franquista con texto bordado na parte inferior de Patrullero “Marola”. Exponse tamén unha foto do cruceiro “Almirante Cervera” e diversos obxectos do buque. Panel sobre este cruceiro con este texto: 1936-1939.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG