O deputado do BNG Ramón Fernández denunciou no Pleno do Parlamento a “dramática situación” na que se encontra o Centro de Atención á Discapacidade Souto de Leixa, de Ferrol, e reclamou o Goberno do PP que tome medidas para garantir os “dereitos básicos das persoas usuarias “que viven nunhas condicións moi lonxe, pero que moi lonxe, de ser minimamente dignas”.
Nunha pregunta á conselleira de Política Social, Fabiola García, o deputado de Ferrol denunciou a “interminable” lista de irregularidades que se dan neste centro, subliñando entre estas as deficiencias nas infraestruturas, a falta de persoal sanitario e coidador e incluso “continuas agresións que sofren tanto o persoal do centro como as persoas residentes”. “Agresións moi graves, as veces de carácter sexual, que a dirección do centro normaliza dun xeito absolutamente intolerábel”, advertiu.
Segundo denunciou Ramón Fernández, o psquiatra tan só acude a este centro cada seis meses e “a última vez fixo 60 consultas en dúas horas”, a dous minutos por consulta. Ademais, a día de hoxe non hai persoal de enfermería o que provocou que, por exemplo, se eliminase o rexistro das persoas que non toman a medicación.
Respecto do persoal coidador, cuestionou que a empresa que xestiona o centro cumpra os rateos que establecen os pregos de contratación e asegurou que, en todo caso, “despois de 14 anos de incidentes moi graves por falta de persoal un goberno responsábel aumentaría esas exixencias de persoal”.
“Preguntámonos, señora conselleira, que opina inspección da Xunta das deficiencias das infraestruturas, que opina da deficiente atención médica ou que opina das continuas agresións que sofren tanto o persoal do centro como as persoas residentes”, expuso o deputado ferrolano que, sobre esta cuestión, asegurou ademais que “absolutamente ninguén que coñeza o funcionamento do centro Souto de Leixa pode crer que as inspeccións de servizos sociais da Xunta de Galiza non atopen irregularidades neste centro”. “Non cuestionamos a profesionalidade do servizo da Inspección, senón as directrices da Consellería”, aclarou.
Acordo tácito para mirar para outro lado
Na mesma liña, criticou que nin Clece, a empresa que xestiona o centro, nin a Funga (Fundación Pública Galega para a Tutela de Persoas Adultas), nin a Xunta están a cumprir coa obriga de “garantir unha vida digna” das persoas residentes. “Todo o contrario, parece existir un acordo tácito para mirar para outro lado e cubrirse mutuamente como se a vida destas persoas non importase o máis mínimo”, engadiu.
Ramón Fernández reclamou á conselleira que reciba e escoite á plataforma creada en defensa dos dereitos das persoas usuarias no Souto de Leixa e advertiu que dende o BNG “non vamos a consentir e non vamos parar até involucrar a toda a sociedade da comarca de Ferrol na defensa dos dereitos básicos das residentes e os residentes”.
“Comece por recibir as familias e por darlles as debidas explicacións de como van facer vostedes para cumprir coas súas obrigas e as súas competencias”, emprazou á conselleira ao remate da súa intervención.