O BNG reclamou no Parlamento galego a convocatoria de eleccións profesionais no sector agrario para corrixir a situación anómala do Consello Agrario Galego (CAG) no que respecta á súa representatividade. Así o demandou o deputado Xosé Luís Rivas, quen salientou que a actual configuración do Consello non recolle a realidade representativa do agro neste momento.
Rivas subliñou que dende as primeiras eleccións democráticas en 2002 –nas que as organizacións máis representativas foron Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e o Sindicato Labrego Galego- e a constitución do CAG en 2006, “a realidade do agro galego ten mudado, e moito; tanto o mundo rural coma as propias organizacións agrarias”, segundo incidiu, mesmo coa desaparición dunha destas organizacións, en concreto, Xóvenes Agricultores.
“Vemos pois que, no que respecta ás organizacións que formaban parte inicialmente do Consello Agrario Galego, téñense producido importantes variacións”, indicou para advertir a continuación que, por esta razón, nestes momentos o CAG se atopa “nunha situación anómala” e “non reflicte fielmente a representatividade do campo galego”. “Son horas de celebrar eleccións -lembrou-, unhas eleccións profesionais que representen verdadeiramente o estado do agro, das súas explotacións, da súa actividade económica, e que representen correctamente esta realidade no Consello Agrario Galego”.
O portavoz nacionalista de Agricultura reprochou ao Goberno do PP que se escude na ausencia dunha norma estatal para dar resposta á situación do CAG, cando ten “plenas competencias” para regular. “O Consello Agrario Galego ten unha constitución provisional dende hai 18 anos e non se pode manter máis tempo”, asegurou logo de recalcar que o Executivo galego ten as competencias precisas á hora de articular un marco legal propio e acaído á realidade agraria galega, que é diferente á de moitos outros territorios do Estado.
Mini Rivas advertiu que a continuidade da actual situación no CAG convérteo en representante “dunha irrealidade”, ao non reflectir a verdadeira representación do sector e cando é un órgano permanente de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración galega. A proposición non de lei presentada polo BNG ante a Comisión de Agricultura da Cámara non prosperou polo veto de PP e PSdeG.