O BNG denunciou no Congreso a vulneración dos dereitos lingüísticos que viven cada día millares de persoas galegofalantes e a resistencia por parte do Goberno central á posta en marcha de políticas que favorezan o uso do galego e contribúan para aumentar o número de galegofalantes.
Por esta razón, o deputado Néstor Rego exixiu ao Goberno que se implementen as medidas necesarias para dar cumprimento ás recomendacións do Comité de Ministros de Europa sobre o respecto do contido da Carta de Linguas Minorizadas. “Entre elas, pídese ao Estado español que asegure no ámbito educativo a protección de todas as linguas oficiais, que se fomente o uso delas por parte das autoridades xudiciais, permitindo a realización dos procedementos noutros idiomas oficiais distintos do español, e tamén fai especial fincapé no uso das distintas linguas oficiais por parte da Administración Xeral do Estado” destacou o Rego.
A pesar destas recomendacións, no que levamos de lexislatura, o BNG tivo que presentar distintas iniciativas en relación con numerosos incidentes en que a Administración Xeral do Estado non cumpría a legalidade vixente e non respectaba os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas.
Néstor Rego explicou que “continuamente nos encontramos con trabas que dificultan a vontade de vivir e expresarse na nosa lingua, páxinas web ou documentación dos ministerios non accesíbel nas distintas linguas oficiais, formularios e impresos que non existen ou non poden obterse noutras linguas distintas do español, peticións de tradución dos documentos achegados e continuas deformacións da toponimia que a Administración Xeral do Estado se empeña en españolizar”.
O BNG propón acometer unha revisión das diferentes vías de comunicación entre a Administración Xeral do Estado e a cidadanía (páxinas web, formularios, impresos, folletos informativos…) para asegurar que todos estes mecanismos sexan accesíbeis nas distintas linguas oficiais do Estado. Ademais, urxe a corrección da toponimia propia da Galiza en todas as comunicacións que realiza a Administración Xeral do Estado así como a formación dos seus traballadores e traballadoras para que no seu traballo diario respecten esa toponimia e os dereitos lingüísticos dos cidadáns e cidadás.