O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado e, no concreto o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, rectifique a súa forma de actuar a respecto a baixada ao pecio do Vila de Pitanxo após anunciaren a saída do buque e coñecer que a Audiencia Nacional solicitara con urxencia toda a documentación sobre a operación. A frente nacionalista exixe que se garanta o cumprimento dos protocolos en materia de investigación e custodia de probas para que as imaxes teñan validez no proceso xudicial. Así mesmo, demanda un diálogo constante coas familias para que coñezan cal será a operativa de baixada ao buque.
A Audiencia Nacional, órgano xudicial encargado da investigación sobre o naufraxio do Vila de Pitanxo, acaba de dirixir un oficio á CIAIM para reclamar que se lle traslade toda a información sobre a saída do buque Ártabro -que leva días preparado no porto de Vigo- na súa expedición para descender ao pecio afundido. Así mesmo, as familias das vítimas trasladaron o seu desconcerto tras coñecer que a anunciada saída do buque non fora comunicada ao xuíz instrutor e que nin tan sequera se asinou un contrato para esta operación.
“Após o afundimento do buque Vila de Pitanxo, os familiares comezaron a reclamar que se organizase unha operación que permitise a baixada ao pecio para poder analizar, directamente, o estado do buque para lanzar luz sobre as posíbeis causas do naufraxio” lembra o deputado do BNG no Congreso. O Goberno, continúa Rego, negouse a esta posibilidade até o pasado mes de marzo, cando o MITMA deu luz verde a unha expedición e iniciou a licitación de urxencia para colaborar na investigación xudicial.
De facto, a propia Audiencia Nacional naquel momento solicitou acelerar os trámites e dispoñer, o máis rápido posíbel, dun informe pericial sobre o estado do buque. “Con todo, o contrato continúa sen asinar, a pesar de que foi anunciado que o buque Ártabro estaba a piques de partir ao lugar do afundimento e mesmo parece ser que esta saída non estaba concertada co xuíz instrutor do caso” denuncia Rego.
“Esta práctica escurantista por parte do Goberno do Estado non está a facilitar as cousas” afirma o deputado do BNG no Congreso. A propia Audiencia Nacional lembrou que, se se producir a saída sen a adecuada coordinación co xulgado, pódese pór en risco toda a información recollida e solidez da cadea de custodia que dea validez ás probas. “O Goberno debe cumprir cos protocolos estabelecidos, tanto nas datas para a saída como o levantamento e custodia das probas e o rexistro de imaxes de vídeo dos restos” enumera.