O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia o atraso do Goberno do Estado para o estabelecemento do mecanismo que permitiría que os tripulantes embarcados en alta mar poidan votar nestes novos comicios ao Parlamento Europeo. Neste sentido, a frente nacionalista demanda implantar o voto telemático ou electrónico, tal e como quedou incorporado na Lei de Pesca Sustentábel grazas a unha emenda do BNG, para garantir que os mariñeiros e mariñeiras poidan exercer o seu dereito a voto.
Durante o debate e votación da Lei de Pesca Sustentábel e Investigación Pesqueira aprobada na pasada lexislatura, o BNG conseguiu incorporar unha emenda que permitiría garantir o dereito a voto dos tripulantes embarcados en altura e gran altura. A frente nacionalista procuraba, con esta aportación, rematar cunha discriminación histórica que sufría o sector.
De facto, o texto aprobado rezaba tal que así: “O Goberno remitirá ás Cortes no prazo de tres meses unha proposta para o estabelecemento dun procedemento telemático e/ou electrónico que se adapte ás necesidades propias do persoal embarcado que non pode acceder ao sistema de voto por correo polas súas longas estancias en alta mar coincidindo coa convocatoria ou celebración da xornada electoral”.
A Lei foi publicada no BOE o pasado marzo mais coa disolución das Cortes do Estado, a celebración das eleccións xerais de xullo e a conformación do novo Goberno do Estado, o BNG entendeu que para os primeiros comicios posteriores o mecanismo non estivera estabelecido. “Agora, seis meses despois da toma de posesión, o Goberno non ten ningunha escusa para non habilitar o voto telemático para as persoas tripulantes. Debe dar cumprimento ao mandato legal” sinala Néstor Rego.
“O acceso ao voto dos tripulantes en alta mar leva décadas de reivindicacións pero sempre se ignorou por parte dos distintos gobernos. Agora, lograda a súa incorporación na Lei, non caben máis aprazamentos, o Goberno debe cumprir co estipulado na norma e pór fin a unha discriminación histórica para coas persoas traballadoras do mar e que poidan exercer o seu dereito ao voto nos distintos comicios. As novas tecnoloxías facilitan a disposición de métodos electrónicos” afirma o deputado do BNG no Congreso.