O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia novas iniciativa para exixir ao Goberno español que active a busca dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio do 'Vila de Pitanxo'. Rego recolle o chamamento das familias e cualifica de “vergoñoso” que a administración española lles comunicase que renuncian á procura dos falecidos por non consideralo viábel, polo que reclama que se rectifique.
Tal e como subliñan as familias dos 21 mariñeiros desaparecidos, nas pasadas semanas, o Goberno español comprometeuse publicamente a procurar os medios para descender, previa localización, ao “Villa de Pitanxo”, mais, transcorrido un prazo máis que prudencial sen actuar, agora sinálase que non se acometerá esta operación. Frente a esta actitude inaudita, o BNG apoia a reclamación dos familiares para que sexa efectuada a baixada ao pecio para estudar a situación e a mellor maneira de rescatar os falecidos.
“Entendo a indignación dos familiares, porque, efectivamente é un feito vergoñoso e doloroso que o Goberno español pretenda desentenderse do rescate dos mariñeiros do 'Vila de Pitanxo' e unha clara falta de respecto aos 21 falecidos, ás súas familias e a toda a xente do mar”, sinala Néstor Rego.
Ademais, o BNG rexeita as explicacións dadas polo Delegado do Goberno na Galiza e outros responsábeis da administración central de que non é posíbel chegar ao barco. “O Estado español ten medios máis que suficientes, incluídas fragatas da armada, para poder afrontar esta operación. É triste dicir isto, mais temos a certeza de que se en vez de mariñeiros galegos fosen soldados da mariña española, faríanse todos os esforzos posíbeis por rescatalos. Pois ben, os nosos mariñeiros non son menos que ninguén e merecen o mesmo respecto”, salienta Rego.
En todo o caso, o BNG apoia a posición das familias de que a escusa de non poder atopar os corpos ou a imposibilidade de acceder ao interior do buque non é óbice para que se acometa a baixada ao pecio afundido, de forma que se poidan obter imaxes da situación e das circunstancias en que se atopa o buque.
Aliás, como moi ben sinala a portavoz das familias, a Fiscalía sinalou a existencia de indicios de homicidio imprudente no afundimento do “Vila de Pitanxo”, cuestión pola cal con máis razón o visionado do estado do barco achegaría datos para o bon discorrer da investigación e, consecuentemente, para o esclarecemento da verdade.