Con motivo do acto de inauguración da ampliación da ponte de Rande e da suba do prezo da peaxe anunciada para o 2018, membros do BNG mobilizáronse na rotonda do Morrazo para reivindicar que autopista AP-9 sexa pública, galega e gratuíta.
Ante o acto de inauguración das obras da ponte, en que participaron Mariano Rajoy, Núñez Feijóo e Abel Caballero, situouse a mobilización de membros do BNG e de veciñanza dos concellos do Morrazo, de Vigo, Redondela e Pontevedra. O deputado do Bloque e portavoz de infraestruturas, Luis Bará, denunciou que “a explotación e accidentes laborais producidos durante as obras da ampliación da ponte de Rande, foron froito das présas do goberno galego e español para realizar esta inauguración antes de rematar o ano 2017 co único obxectivo de así poderen subir o prezo da peaxe para o 2018”. De feito, o deputado nacionalista xa defendeu con anterioridade en comisión parlamentaria que as obras se levaron a cabo nunhas condicións de explotación nas que os operarios estiveron sendo obrigados a facer xornadas de até 12 horas nunhas circunstancias de enorme perigosidade e a cambio de salarios que, segundo as denuncias laborais, están por debaixo do convenio do sector.
Xunto a Bará congregáronse veciñas e veciños do Morrazo, membros das asociacións veciñais de Teis e de Chapela, membros do BNG e cargos nacionalistas coma alcalde de Bueu, Félix Juncal, e concelleiras e concelleiros de Cangas, Vilaboa, Moaña e Pontevedra.
15 persoas retidas e identificadas
Durante a protesta, unha quincena de membros do Bloque se achegaron ao acto de inauguración lucindo o lema “Non á estafa” en alusión á suba do prezo da peaxe que se producirá nos vindeiros días. A Garda Civil, nunha actuación “desproporcionada” segundo denuncian desde o BNG, empurrou e retivo durante máis de media hora a esta quicena de persoas.