O BNG emprazou ao Sergas a ampliar o número de ambulancias na área sanitaria de Vigo, unha das máis poboadas de Galiza, porque, en palabras da portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, “ o Goberno do PP non pode seguir mirando para outro lado, porque están poñendo en risco a vida da veciñanza da área sanitaria de Vigo”.
Prado cualificou a actual dotación de ambulancias como “totalmente insuficiente para atender unha Área sanitaria tan ampla e con tanta poboación”, xa que se trata dunha área con 566.352 cidadáns con tarxeta individual sanitaria pertencentes a 26 concellos, unha distancia que abrangue ata os 100 quilómetros de punta a punta e na cal “a dotación de vehículos e persoal marca a diferenza entre un desenlace positivo o un fatal”, remarcou.
“Se unha parada cardiorrespiratoria non é atendida nos primeiros 10 ou 15 minutos ten posibilidades case nulas de recuperación”, sinalou a parlamentaria do BNG á xerente do Sergas, Estrella López Pardo. A parlamentaria nacionalista advertiu de que a formación nacionalista leva tempo solicitando o reforzo do servizo de ambulancias na Área Sanitaria de Vigo “porque que está permanentemente colapsado”.
A portavoz de Sanidade aludiu ao caso dun home de 61 anos que faleceu no concello de Ponteareas o pasado luns “ao sufrir un infarto e tardar arredor de media hora en chegar a asistencia sanitaria”, e que tivo que ser atendido por efectivos da Policía Local e do corpo de Bombeiros, que intentaron reanimalo durante 30 minutos, só podendo certificar a súa morte ao chegar a profesional sanitaria “que aclarou diante dos axentes que o atraso se debera a non dispoñer antes dunha ambulancia”.
Diante desta precarización do servizo que pon en risco a vida e saúde dos galegos e galegas, Prado valorou “o magnifico traballo duns profesionais que padecen a falta de recursos” responsabilidade dos recortes do PP. “Que Galiza conte cunha rede de transporte sanitario terrestre de calidade é unha preocupación constante do BNG” , que demandou, tamén hoxe, “as dimensións precisas, tanto en vehículos, persoal e recursos para a atención ás urxencias extrahospitalarias porque é un servizo vital na cadea asistencial e hoxe o servizo é deficitario”.
A morte doutras tres persoas no concello de Moaña nunha semana “ con 44, 66 e 80 anos respectivamente sen que que houbese ambulancias do 061 dispoñibles para realizar unha axeitada atención urxente é inaceptábel”, criticou Prado, “porque estamos falando de vidas humanas e é un prezo demasiado alto que non podemos aceptar”, que emprazou á xerente do Sergas a “non criticar á oposición por denunciar os problemas senón actuar para resolvelos, rectifique e abra unha investigación para saber que está acontecendo”.
Fronte esta perda progresiva do servizo de ambulancias na área sanitaria viguesa, a portavoz de Sanidade urxiu a López Pardo “a esclarecer o contido e abrir unha investigación sobre o falecemento”, a depurar as responsabilidades e emprazou ao Goberno do PP a poñer “luz e taquígrafos para que este Parlamento coñeza como se está prestando o servizo de transporte sanitario urxente no Morrazo”, ademais dunha “rectificación” para que o 061 poida reforzar “o servizo de ambulancias e persoal”, peticións desouvidas pola responsable do Sergas, que se negou a atender as demandas de ampliación deste servizo esencial.