parlamento galego

BNG denuncia que a Xunta segue sen cuantificar o proxecto de biocombustibles a un ano do anuncio do peche de ENDESA

Ramón Fernández
Ramón Fernández
Ramón Fernández sospeita que o PP non ten alternativa para As Pontes e propón que o Plan estratéxico 21-25 se punto de partida a unha transición xusta

BNG, a través do deputado por Ferrol, Ramón Fernández, aproveitou o Pleno do Parlamento para preguntar ao conselleiro de Industria, Francisco Conde, polo publicitado pero nunca concretado proxecto de biocombustibles para a planta de ENDESA nas Pontes, como alternativa ao peche da central térmica.

Fernández recriminou ao Goberno do PP que, “un ano despois sega sen cuantificar o proxecto de biocombustibles, nin en termos de creación de emprego nin de investimento, despois de que tanto o Executivo central como a Xunta declarasen que era unha alternativa viable pese ao desmentido da propia multinacional”.

Neste sentido, o BNG critica que pese ao tempo transcorrido o Goberno de Feixóo sega sen cuantificar o proxecto, e hoxe pese as reiteradas preguntas de Fernández, Conde foi incapaz de dar nin un só dato concreto. “Sería razoable que a Xunta tivese feito algo máis que darse palmadiñas no ombro ao longo de doce meses, como si fixo a sociedade das Pontes”, reprochou.

“Que plan e que expectativas manexa o Goberno galego a respecto dos biocombustibles, cantos grupos poderían entrar en funcionamento de xeito eventual ou permanente, que prezo por Kw estiman para poder entrar no sistema ou con que material ten previsto alimentar a instalación se con lamas das explotacións gandeiras galegas ou procedentes de depuradoras urbanas”, foron algunhas das detalladas preguntas formuladas por Fernández pero que Conde foi incapaz de responder.

Esta falta de concreción leva ao deputado nacionalista a sospeitar que a Xunta carece de proxecto algún de biocombustibles e, ademais, non ten outra alternativa que poñer sobre a mesa para recuperar a actividade e o emprego de ENDESA.

E todo isto, alegou Fernández, co agravante de que coa escusa dos biocombustibles non se puxo en marcha a tramitación do proceso de transición enerxética xusta, “proceso que demora no tempo porque require elaborar unha copiosa documentación, empezando por asinar un protocolo entre administracións ao que se suma o preceptivo análise de impacto do peche”, indicou.

Por iso, e para recuperar no posible tempo perdido, o BNG propón que se acepte o Plan estratéxico 2021-2025, elaborado baixo a dirección do concelleiro nacionalista no goberno local, como punto de partida para poñer en marcha o proceso de transición xusta nas Pontes. “O concello ten ese plan e a Xunta non ten nada, van polo menos a asumir o traballo feito ou vai pagar a sociedade das Pontes outro ano de demora pola falta de iniciativa e de previsión da Xunta?”, concluíu Fernández interpelando ao titular de Industria que, de novo, nada concretou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG