O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar a odisea a que se ven obrigados a facer os pasaxeiros e pasaxeiras na liña ferroviaria Vigo-Bilbo, realizando varios transbordos e algúns dos tramos en autobús. O BNG demanda ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a incorporación de máis medios humanos, concretamente de maquinistas, así como a reposición dos trens retirados do servizo por outros novos así como a renovación xeral do parque de máquinas e vagóns agora en uso claramente envellecidos, para dar solución a esta deficiencia.
O deputado do BNG, Néstor Rego, levou o Congreso as queixas dos usuarios e usuarias desta liña ferroviaria que debido a distintas incidencias que se produciron nas últimas semanas, “os pasaxeiros e pasaxeiras que intentan chegar en tren desde Vigo a Bilbo enfróntanse a unha viaxe de 11 horas na cal deben facer un primeiro traxecto en autobús até Ourense, lugar no que toman un tren até Miranda de Ebro, onde volven a ser desviados e desviadas a unha viaxe por estrada até chegar a Bilbo”. Rego tamén confirma que “en sentido contrario a odisea é a mesma: entre Bilbo e Miranda viaxan por estrada, do municipio castelán leonés a Ourense proseguen en tren e unha vez en Ourense sóbense a un autocar rumbo Vigo”. Os viaxeiros e viaxeiras que saen desde A Coruña co mesmo desbordo, atópanse nunha problemática parecida mais, só teñen que facer un transbordo.
Entre os factores que levaron a esta situación destaca “a obrigada retirada de varios trens por detección de amianto na súa estrutura, sen que foran repostos, o que levou a unha clara insuficiencia de medios materiais que aínda non foi solucionada de forma definitiva”. Outro motivo que incide directamente nesta situación “é a escaseza de maquinistas, o que supón graves retrasos nas saídas previstas, e a imposibilidade de dar maior frecuencia as viaxes programadas” salienta o deputado.
Estas deficiencias xa foran denunciadas noutras ocasións polo Bloque Nacionalista Galego, da rede ferroviaria galega, que carece de interconexións adecuadas entre as principais cidades como é o caso de Vigo e Ourense, cunha vía que necesita ser modernizada. A planificación de conexións ferroviarias oriéntase de forma principal á conexión con Madrid, deixando completamente esquecidos outros destinos, que son practicamente impracticábeis en tren. A todo elo vén agora a sumarse a falta de medios materiais e humanos.