A portavoz de Facenda, Noa Presas, denunciou no Pleno do Parlamento que Galiza perdeu máis de mil millóns de euros ao ano co actual sistema de financiación autonómica, “obsoleto, inxusto e centralista”, e pola “submisión” a Génova do PP, ao que emprazou a “deixar de navegar entre as súas contradicións” na defensa dos intereses do País.
Presas interpelou ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, logo de que o PP vetase a súa comparecencia para falar dos últimos informes do Consello de Contas e, nomeadamente, do que analiza a relación económica que Galiza mantén co Estado a través dun sistema de financiamento autonómico que, lembrou, foi asinado polo PP e leva xa dez anos caducado. Un modelo, engadiu que tiña que ser revisado xa en 2014, cando gobernaba o PP no Estado.
“Mentres gobernaba o PP no Estado, vostedes facían unha crítica suave. Cando lles fixeron unha moción de censura por corrupción, elevaron un pouco o ton, máis sempre atados ao corsé de Génova”, díxolle Presas ao conselleiro, ante quen volveu reclamar un Pacto de País en defensa dun modelo máis xusto que aporte máis cartos a Galiza para protexer os seus servizos públicos esenciais, como a sanidade, a educación ou a atención á dependencia.
Segundo o informe de Contas, o peso relativo dos recursos en Galiza descendeu do 7,1 % do anterior modelo de financiamento ao 6,6 % do actual, e o déficit de financiamento acumulado dos servizos públicos básicos é de 1.075 millóns anuais de media “collendo a cifra máis optimista, que inclúe financiamentos adicionais como os fondos covid”, subliñou Presas na súa intervención ante o Pleno.
No período que analiza o informe, 2009-2021, a cifra de recursos perdidos chega a case 14.000 M€, o que supón medio millón máis que o orzamento vixente da Xunta para todo o 2024. “Un escándalo que demostra que Galiza perde co centralismo e coa submisión do PP”, reiterou.
A deputada nacionalista afirmou que o informe do órgano fiscalizador demostra ademais que o sistema se viu afectado profundamente na crise financeira de 2008, na que o Goberno do PP recortou máis que a media do conxunto de CCAA , situándose como “campións da xestión neoliberal da crise” en detrimento da calidade dos servizos públicos.
Todo iso sumado a que, tal e como se pon de manifesto tamén no informe, “Galiza non emprega a súa autonomía fiscal para aumentar os recursos, senón que os minora”. A capacidade fiscal sitúase seis puntos por debaixo da media pese a ter unhas necesidades de gasto 7 puntos por riba, precisou, para salientar a continuación que Contas estima en 2.382 millóns de euros a diferenza entre a capacidade tributaria teórica e a real. “Para que nos fagamos unha idea, case o mesmo que deixaron de gastar entre o 2009 e hoxe en Atención Primaria”, apuntou.
As conclusión de Contas “sácalle as cores ao propio goberno galego, porque demostra que non esgota o autogoberno para mellorar os recursos e demostra que cada ano perdido ao non negociar un novo, Galiza perdeu mil millóns de euros”, destacou a portavoz de Facenda do BNG que, máis unha vez, emprazou ao conselleiro a chegar a un acordo de País no que se dea prioridade á defensa dos intereses dos galegos e as galegas.
Noa Presas explicou que para o BNG o “modelo de máximos é que Galiza teña un recoñecemento como nación tamén no ámbito económico e que haxa unha relación de concerto” , máis, “no inmediato” e con “este escaso marco” está disposto “seguir facendo o que sempre fixo”, actuar con responsabilidade a chegar a acordos “sobre os criterios a defender en nome de Galiza e sobre a política fiscal, que hai que reformar para ter máis recursos e para demandar do Estado máis capacidade de xestión dos tributos”.
“Espremer para avanzar”, resumiu aludindo ás negociacións políticas co Estado e para instar ao PP a reactivar nesta lexislatura a comisión parlamentaria sobre financiamento en busca dunha posición de País. “Pero comprométanse vostedes a defender os intereses de Galiza e non do PP”, agregou, para continuar emprazando aos populares a deixar de “seguir navegando nas súas contradicións, entre a oposición que lle fan a Sánchez e ao Goberno do Estado e a submisión que lle teñen que render a Feijóo”
“Nós temos as mans libres para defender este País”, concluíu Noa Presas.