Parlamento Galego

BNG denuncia a pasividade do PP diante do “caldo de cultivo” para o esmorecemento das Pontes como polo industrial galego

Xosé Manuel Golpe
Xosé Manuel Golpe
Golpe advirte dos retrasos na subestación Maciñeira e no concurso do nó de transición xusta e pide á Xunta que non sexa un “convidado de pedra”

O deputado do BNG Xosé Manuel Golpe denunciou este venres no Parlamento o “caldo de cultivo” que se está a xerar para o esmorecemento das Pontes como polo industrial de Galiza, e reclamou á Xunta que non actúe diante desta situación como “un convidado de pedra” pois existe o risco de “agrandar este páramo industrial que levará consigo o fin dunha vila”.

“A xunta debe tomar papel en toda esta debacle industrial que están sufrindo o concello da Pontes e toda a comarca do Eume e Ferrolterra”, apremiou.

Nunha interpelación ao Goberno da Xunta, o deputado da comarca referiuse en concreto á tramitación da subestación Maciñeira, que “non amosa unha velocidade aceptable” e podería demorarse ata dentro de catro anos, e á “incerteza” que existe sobre o nó de transición xusta das Pontes, que “durme o sono dos xustos nun caixón do Ministerio de Transición”.

Xosé Manuel Golpe subliñou a importancia de axilizar a subestación Maciñeira para dar resposta aos proxectos industriais previstos para As Pontes ao abeiro da declaración de concello de transición xusta logo do peche da central térmica das Pontes. Proxectos como a planta de produción de hidróxeno renovábel de H2POLE, a fábrica de pneumáticos radiais de alto rendemento de Sentury Tire Spain ou a planta de biofibra branqueada de Biofibras de Ence, todos declarados de interese estratéxico.

Xunto ao centro verde de hidróxeno e amoníaco a partir de fontes renovábeis que tamén está proxectado, As Pontes sumaría un investimento de 1.127 millóns de euros en iniciativas industriais que crearían 994 empregos, explicou Golpe, quen lembrou que tamén están contempladas para o concello dúas centrais hidroeléctricas reversíbeis e unha planta de acuicultura.

Todos proxectos que precisan, engadiu, dunha conexión eléctrica con garantías, polo que era de agardar “certa dilixencia” por parte do Ministerio de Transición e Rede Eléctrica de España (REE) para executar a construción da subestación Maciñeira “no menor tempo posible”. Amosou, neste sentido, o seu “asombro” ante a resolución  pola que esta subestación vai ser reservada para proxectos de xeración eléctrica, como novos parques eólicos ou as centrais hidroeléctricas previstas.

 “Non é alarmismo cualificar a situación do das Pontes de caótica”, considerou Golpe na súa intervención, subliñando os efectos da perda de emprego que tivo o peche da central térmica, que xa se deixan ver na evolución do número de habitantes (de 10.138 habitantes no 2019 aos 9.868 de 2024) ou da afiliación á Seguridade Social  (de 4.095 persoas afiliadas en decembro de 2019 pasouse  3.525 en xullo deste ano).

O deputado nacionalista achacou á “indefinición” do Ministerio de Transición e de REE respecto á subestación Maciñeira e do nó de transición xusta que non se estea a crear novo tecido industrial que atraia emprego para a comarca, e advertiu que a Xunta “non pode ser allea” diante desta situación. “O Goberno de Galiza non pode ser un convidado de pedra nun asunto clave para o desenvolvemento das Pontes e de toda a comarca do Eume e Ferrolterra”, considerou.

Neste punto, advertiu que a declaración de proxectos de interese estratéxico como ferramenta para axilizar a súa posta en marcha pode quedar “baleira de contido”. “Como pode ser que se declaren de alto interese estes proxectos e agora non teñan un punto de conexión á rede eléctrica?”, preguntouse Xosé Manuel Golpe, advertindo no mesmo sentido que “visto o ritmo que leva a construción da fábrica chinesa de pneumáticos mesmo é posible que non chegue a materializarse nunca, aínda que o parte eólico que leva asociado vai iniciar a súa construción en breve”.

 Na súa quenda de réplica Golpe incidiu en que “estamos ante un problema gravísimo dun páramo industrial, onde antes había unha vila con futuro e con puxanza”. Estando de acordo coa resposta do interlocutor popular en que hai a perda de capacidade de evacuación é unha perda de oportunidades, o deputado insistiulle ao PP que afinase nas súas respostas: “Hai localización física, hai prazos, hai informes que se emitiron da consellería para esta nova subestación?”, preguntou.

Golpe rematou a súa intervención mandándolle recado á conselleira de Economía e Industria para que se convoque a Mesa de Transición Xusta, que leva máis de un ano sen reunirse, para por enriba da mesa cal é o estado de toda esta folla de ruta, “se é que a temos” e aínda que sexa para “meterlle os cans na bouza” ao Ministerio de Transición. “O problema está enriba da mesa e o que non vale é xogar ao pimpón”, entre as dúas administracións, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG