O BNG denuncia opacidade e clientelismo da Xunta en relación ao novo convenio de transporte da área metropolitana de Santiago

Representates do BNG da área de Santiago de Compostela
Representates do BNG da área de Santiago de Compostela
Pide transparencia e que se mellore o servizo tanto nas conexións intra municipio como cara a cidade, reforzando o transporte á demanda e as liñas que conectan con centros de saúde e hospitalarios

Xuntanza no Parlamento de Galiza dos e das portavoces do BNG dos concellos da área de Compostela para abordar o novo convenio de transporte metropolitano que entra en vigor o 13 de novembro, que para o BNG é “escurantista” porque apenas hai información sobre o mesmo pola opacidade coa que se levou a cabo a redacción do convenio. De feito, denuncia a formación nacionalista, descoñécese como vai quedar o servizo de transporte metropolitano pese a ser unha cuestión fundamental para a vertebración social dos concellos implicados.

En opinión do deputado Paulo Ríos o convenio debe incluír “o transporte intra municipal unindo núcleos de poboación rural con urbanos e tamén coa cidade e entendemos que este convenio”, reclamou, tras denunciar que o convenio “ben reforzar o clientelismo pois saca grandes lotes de liñas onde só empresas grandes, -como é o caso de Monbus-, poden acceder a elas e despois condicionar o mantemento de liñas, de frecuencias e de paradas ao longo do servizo. E mentres, deixa fora de xogo a pequenas empresas do transporte que xeran postos de traballo nas localidades”.

Desde o BNG, salientou Ríos, “criticamos a opacidade e o escurantismo co que a Xunta está levando o novo convenio de transporte da área metropolitana de Santiago, cando debería haber unha comunicación fluída para informar dos contidos e dos servizos que inclúe”. De feito, a formación nacionalista considera que se deben ampliar liñas e frecuencias, incluíndo o transporte baixo demanda, e as liñas que teñen como destino servizos básicos como os sanitarios. O Bloque tamén pon o foco nos grandes custes que este convenio supón para os concellos, pois a instalación e mantemento das marquesinas correrían a cargo dos gobernos locais.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG