A deputada do BNG, Montse Prado denunciou que o SERGAS só declara o 40% polo que o número real de doentes en listas de espera pode ascender a 100.000
A parlamentaria do BNG, Montse Prado denunciou hoxe, en sede parlamentar a ocultación sistemática da consellería de Sanidade sobre os datos das listas de espera e as derivacións á sanidade privada e afirmou que o SERGAS só declara o 40% das listas de espera polo que o número real de doentes pode ascender a 100.000
A deputada lembrou que onte durante a sesión plenaria, o BNG interpelou ao conselleiro de Sanidade sobre as verdadeiras lista de espera e a derivación de doentes da Seguridade social a centros sanitarios privados, cuestións que o titular de sanidade declinou responder.
Por outra parte, Prado sinalou que os doentes que non aceptan ser derivados a centros privados son excluídos das listas , circunstancia que a consellería aproveita para maquillar as listas de espera e afirmar que se reducen.
Ante os medios de comunicación, a parlamentaria amosou a lista publicada na páxina web de sanidade con datos que non se corresponden coa listas reais de doentes que a propia deputada cotexou con outras listas para constatar que a consellería minte e manipula os datos.
Listas de espera convertidas en sacos de almacenamento de doentes
O SERGAS, afirmou Prado, converteu as listas de espera en verdadeiros sacos de almacenamento de doentes con miles de persoas que permanecen anos nesas listas. En decembro do ano 2015 o SERGAS publicou na súa páxina web os datos sobre a EOXI-Verín cun total de 3.215 doentes e 43 días de media de espera pero as listas reais da Xerencia da EOXI de Ourense, recalcou a nacionalista, confirman que con data 20-2-2016 o total sitúase en 7.859 doentes e 803 en espera de máis dun ano e incluso, algún deses doentes, levan agardando máis de 6 anos en lista de espera.
Para a parlamentaria, a consellería de sanidade segue mantendo unha mentira flagrante e vergoñenta porque a espera media declarada polo SERGAS de 43 días converteuse en 153,62 días polo tanto, dixo, estamos a falar dunha diferenza de máis de cen días do que afirma a consellería.
O SERGAS só declara o 40% das persoas en lista de espera
A deputada extrapolou os datos rexistrados en Ourense para comparalos coas seis Eoxis restantes e afirmou que se o SERGAS asegura que na actualidade existen en Galiza 37.442 persoas, 33.054 nos hospitais públicos e 4.388 de Povisa, pero só declara o 40%, estariamos ante case 100.000 persoas reais en lista de espera.
Montse Prado tamén se referiu a unha doente incluída na lista de espera no ano 2013 que se negou a ser derivada a un centro privado, a día de hoxe oficialmente para o SERGAS, esa persoa só leva en lista de espera 86 días, período no que permaneceu na lista ata que lle comunicaron a derivación ao centro privado.
Finalmente, a deputada denunciou que o SERGAS non respecta o dereito d@s doentes a seren atendidos na Sanidade pública porque ao negarse as seren derivados á sanidade privada son excluídos das listas de espera.