O BNG acusou ao Goberno do PP denon protexer “o terceiro recinto fortificado galego en lonxitude” como é Castro Valente, no concello de Padrón, de 1500 anos de antigüidade, hoxe ameazado por un proxecto eólico, recriminou o deputado do BNG, Luís Bará ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
“Imaxine un país onde se pon en valor un xacemento arqueolóxico con 1500 anos de antigüidade, nunha situación privilexiada, un recinto espectacular que, grazas a unha prospección arqueolóxica, descúbrese unha muralla con dous quilómetros de lonxitude”, argumentou Bará, que criticou a inacción do Executivo dos Populares “en contraste coa atitude de países europeos e avanzados, como Irlanda ou Escocia, nos que este xacemento arqueolóxico sería considerado un tesouro, estudado e posto en valor”.
Os eólicos que a Xunta planificou para esta zona “terán un impacto brutal na contorna deste grande xacemento arqueolóxico”, denunciou o parlamentario do Bloque, que aludiu a que a razón detrás da “inacción” do PP neste eido “ é que detrás da empresa que promove o proxecto, Iberdrola, e detrás desta Qatar Holding e Black Rock, que promoven estes proxectos depredadores”. Entidades como Iberdrola, criticou, “na que xente do PP como Fátima Báñez ou Isabel García Tejerina, ambas ex-ministras do PP, que sentan no consello de administración das eléctricas”.
No ano 2020, explicou o parlamentario do BNG, un bulldozer “atravesaba esa muralla de 1500 anos e destruíu unha parte dese xacemento arqueolóxico” nunha obra promovida pola Consellería de Medio Rural, fronte a cal dende Cultura “dixeron que como era competencia de Medio Rural vostedes non podían facer nada, así é como tratan á cultura, como un bulldozer”, acusou á bancada Popular.
Bará recriminou a actitude da Consellería de Cultura na protección patrimonial “deste tesouro arqueolóxico” e declarou que o PP, “entre defender Castro Valente e Iberdrola, escolle esta última”. Actitude, concluíu, que contrasta coa dun BNG “que seguirá defendendo o patrimonio galego fronte aos intereses das eléctricas”.