O deputado nacionalista Luís Bará denunciou no Parlamento o fracaso e “fiasco absoluto” das convocatorias de axudas da Xunta aos concellos para a ampliación e reforzo do subministro eléctrico a parques empresariais, tal e como demostra o feito que, das actuacións subvencionadas en 2022, ningunha está executada, logo da renuncia ás axudas de varios concellos. “Dous anos e medio despois da súa resolución”, subliñou.
Bará puxo o foco sobre a fórmula utilizada polo Goberno do PP que, pola magnitude das obras, “desborda” na maioría dos casos a capacidade financeira e de xestión dos municipios para acometer este tipo de actuacións. “E aí están os resultados, co fiasco absoluto de que ningún destes proxectos se realizase e que agora na última convocatoria do ano 2024 reengancharan un dos que renunciaron no ano 2022”, indicou en relación á actuación de mellora eléctrica no polígono industrial da Medela, en Valga.
Neste contexto, o deputado nacionalista reclamou na comisión de Industria á Xunta que, na vez de trasladar a responsabilidade aos concellos neste tipo de actuacións, substitúa o procedemento actual por un plan galego de investimentos que, en colaboración co resto de Administracións, incluída a estatal, permita afrontar obras que adoitan ser dunha considerable dimensión.
De igual xeito, considerou preciso revisar o papel da iniciativa privada, concretamente das distribuidoras eléctricas que, sendo principais beneficiarias deste tipo de actuacións, deberían tamén realizar as súas aportacións neste tipo de obras.
Sobre a única obra subvencionada que a día de hoxe se atopa en execución, a do polígono da Medela no concello de Valga, o único que non renunciou na convocatoria de 2022, Bará advertiu das distintas irregularidades cometidas polo goberno municipal, co incumprimento de prazos, a falta dunha correcta xustificación da axuda e mesmo a devolución de 650.000 euros da axuda da Xunta.
O deputado do BNG recordou que esta actuación aínda está “nunha fase inicial”, dous anos e medios despois da súa adxudicación e concluídos os prazos das dúas prórrogas concedida polo Goberno do PP ao concello -gobernado tamén polo PP- para rematar a obra.
Un proxecto que naceu da subvención concedida en 2022 por valor dun millón de euros (o 76,93%) do total ao concello que, posteriormente asinou un convenio coa distribuidora de Naturgy, UDF, e a empresa con Extrugasa para o subministro eléctrico conxunto ao polígono e a esta compañía, que asumía unha parte dos custes.
“Dado que as obras non se ían desenvolvendo segundo o previsto no convenio, a Consellería (de Economía e Industria), aprobou un primeiro rexistro de anualidades, de maneira que hai unha cantidade para 202 e outra para 2023, que é a maior parte, de 962.780 euros”, explicou para indicar a continuación que o concello xustificou a primeira anualidade cunha obra de acondicionamento da parecela para a construción da subestación á empresa Obras, Excavaciones e Construcciones Caamaño, por importe de 48.381 euros.
Tanto en abril de 2023, primeiro, como a finais de 2024 despois, o goberno municipal solicitou a ampliación do prazo de xustificación, aducindo un problema de tramitación e adxudicación e tamén un problema de subministros tanto pola pandemia como pola guerra de Ucraína. Pese a todo, adxudicou o proxecto, cun negociado sen publicidade, por valor de 1,3 millóns.
“A realidade é que o contrato formalízase o 14 de novembro de 2023, ano e medio despois de recibida a subvención, xa despois do prazo de remate do período para a xustificación das subvencións”, advertiu Bará, quen indicou que, poucos días despois, concretamente o último día do prazo, o 27 de novembro, o concello xustifica cunha factura da empresa adxudicataria da obra, 405.000 euros da anualidade de 2023 e recibe a subvención de 312.000 euros.
“Cunha factura presentada pola empresa no último día, pero non tal e como establecen as bases da convocatoria, cun xustificante de pagamento das facturas mediante transferencia bancaria, co xustificante de pago”, subliñou, para recordar a continuación que os problemas continuaron, ao ser o goberno municipal incapaz de xustificar a ampliación de prazo concedido e pedir unha nova ampliación que tampouco foi quen de xustificar.
“A pesar de todo, vostedes concederon un anticipo de 325.000 euros na anualidade do 2024”, afeou ao secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, ao que tamén recordou que, ante o incumprimento sistemático de todos os prazos, “non lles quedou outra que pedir a devolución desa cantidade e, como consecuencia, o concello de Valga perdeu a subvención correspondente ao ano 2024, de 650.000 euros”.
O deputado nacionalista engadiu a isto que a empresa adxudicataria presentou un documento no que di que a acta de replanteo das obras fíxose o 19 de febreiro de 2024, ano e medio despois de recibir a subvención, tres meses despois de asinar o contrato e tres meses despois de que a empresa presentase factura de acopio de materiais para “amañar o cobro da subvención”, denunciou. “Vostedes non exixiron ao concello o pago desa factura”, criticou para evidenciar co relatorio de todo o proceso até a data as “múltiples maneiras que tiveron que buscar para intentar xustificar esta subvención”.
“A ampliación de prazo, a devolución do diñeiro e agora un convenio a última hora para intentar axudar ao concello a executar a obra”, concluíu en alusión ao anuncio do secretario xeral na comisión para intentar de novo darlle unha saída a esta actuación.