A portavoz de Lingua do BNG, Mercedes Queixas, vén de remitir unha carta ao conselleiro de Cultura, José López Campos, na que lle traslada a súa preocupación pola falta de resposta do Goberno ás propostas que a formación nacionalista lle trasladou xa na primeira das reunións convocadas no marco do pacto polo idioma, para reverter a situación de “emerxencia lingüística” do galego e iniciar a necesaria recuperación do noso idioma.
“A situación do idioma é límite, de extrema gravidade, pero, en lugar de propoñer actuar de inmediato e con decisión, a súa consellería pospón calquera actuación até dentro de quince meses”, asegura Queixas na carta ao conselleiro, na que di ademais que o silencio do Executivo demostra que “o PP non ten intención ningunha de chegar a un acordo a favor da lingua”.
“Ao contrario, infelizmente os feitos demostran que estamos ante unha cerimonia da confusión para intentar diluír a responsabilidade dun goberno que leva quince anos impoñendo políticas de acoso ao galego, políticas lingüicidas que, lamentablemente están dando resultado na súa pretensión de converter o galego nunha lingua de segunda e cun uso residual”, engade.
Segundo apunta a deputada do BNG, só así se explica o empeño do Executivo de Rueda por manter todo aquilo que puxo a noso idioma en situación crítica, como o decreto da vergoña, ignorar a vixencia do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, dilatar a toma de decisións ante unha situación de “extrema urxencia”, recortar o galego nos medios públicos ou manter o recortazo orzamentario á nosa lingua. “Só así se explica o empeño en ignorar todas e cada unha das propostas do BNG”, considera.
Ánimo construtivo e propostas de mínimos
Mercedes Queixas subliña o “ánimo construtivo” co que o BNG acudiu ás xuntanzas ás que foi convocado, coa vontade de chegar a acordos que cambien a situación crítica da nosa lingua propia e con propostas de mínimos que non tiveron “ningunha acollida” por parte do Goberno, lamenta.
É por iso que, malia a votade de avanzar en acordos en favor do galego, xa advirte que o Bloque “non vai participar en cortinas de fume para que nada cambie en relación ao noso idioma”.
Na carta enviada esta mañá ao conselleiro, a deputada nacionalista lembra que para o BNG é urxente derrogar o decreto da vergoña e consensuar de inmediato un novo decreto, para o que propón a creación dunha mesa plural. Destaca, neste sentido, que o mal chamado decreto do plurilingüísimo está a ser letal para o galego pois, tal e como se ten reflexado nos datos oficiais e denunciado as principais institucións estatutarias e académicas do noso País, a xeración educada integramente con este decreto da vergoña é a que menos fala galego de toda a historia por falta de competencia.
O Bloque considera que é igualmente urxente planificar a aplicación das medidas vixentes no último grande acordo de País pola lingua, en alusión ao Plan Xeral de Normalización Lingüística, “cun cronograma de aplicación, no curto e no medio prazo, que atinxa todos os sectores sen exclusión”.
“No BNG estamos comprometidas e continuamos dispostas a colaborar coa man tendida para que o galego siga a ser a chave que abre as nosas vidas ao mundo e tamén as das nosas herdeiras. Pero non conte co BNG para seguir furtándolle ás novas xeracións o seu dereito a coñecer e a súa liberdade para falar a lingua deste País”, conclúe na misiva.