Congreso

BNG denuncia que ENAIRE prohibe usar o galego aos seus traballadores e traballadoras

Néstor Rego
Néstor Rego

A formación nacionalista considera escandaloso que, ante unha acta de Inspección de Traballo na que se reclama á entidade pública ENAIRE que cumpra coa legalidade e que permita as comunicacións en galego entre os seus traballadores e traballadoras, a empresa decida recorrela manifestando deste modo ese dereito.

O deputado Néstor Rego salientou que esta actitude por parte da empresa pública é inaceptábel, pois atenta contra os dereitos lingüísticos.

O BNG insta a ENAIRE a cesar nas súas accións ilícitas e a que dea cumprimento á normativa que recoñece o dereito dos traballadores e traballadoras, así como dos seus representantes, a utilizar a lingua oficial do lugar onde se sitúe o centro de traballo nas súas relacións coa empresa.

O BNG preguntou ao Ministerio de Transportes a respecto dunha acta de Inspección de Traballo na que se instaba á entidade pública, ENAIRE, a que dera cumprimento aos dereitos lingüísticos dos seus traballadores e traballadoras e permitira as comunicacións en galego. En resposta a esta pregunta escrita, o Ministerio comunicou que ENAIRE ten recorrido o expediente aberto por Inspección de Traballo, o que manifesta a vontade de non respectar os dereitos lingüísticos dos seus traballadores e traballadoras por parte da empresa.

O BNG considera escandaloso que ENAIRE, unha empresa pública que debera ser exemplo do cumprimento da legalidade vixente, non garanta que as comunicacións que realizan os traballadores e traballadoras desde os centros empresariais situados na Galiza podan realizarse en galego.

O pasado mes de xullo, o deputado Néstor Rego denunciou no Congreso a campaña de acoso e persecución cara as e os representantes dos traballadores do centro de ENAIRE en Santiago de Compostela e dentro da cal se encadra a súa negativa a tramitar as solicitudes e comunicacións realizadas por estes en lingua galega. “Esta actitude por parte da empresa pública é inaceptábel, pois atenta contra os dereitos lingüísticos e contra a liberdade sindical, por entorpecer a acción sindical nesta compañía pública” salientou o deputado nacionalista.

O BNG reclama ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a investigar a campaña de acoso por parte de ENAIRE cara os traballadores e traballadoras por empregar a lingua galega, así como instar á empresa pública a cesar nas súas accións ilícitas e a dar cumprimento á acta de resolución.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG