O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o alcalde e candidato á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais en Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentan as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023. A frente nacionalista demanda un incremento do investimento para a cidade do río Lérez para dotala de máis servizos e infraestruturas estratéxicas, así como recuperar, acondicionar rexenerar espazos naturais para o desfrute da veciñanza.
“Na Galiza só se executaron 2 de cada 3 euros do investimento orzado no proxecto de 2020, probabelmente a porcentaxe executada nos deste ano sexa menor” recrimina o deputado nacionalista. De facto, explica Rego, non se entende como nun contexto de orzamentos expansivos, o investimento para a Galiza estáncase e “é insuficiente para solucionar as necesidades perentorias que atravesa o País”. Ante esta situación, a organización nacionalista rexistrou máis de 350 emendas aos Orzamentos do Estado enfocadas na dotación de infraestruturas e servizos, o aumento do gasto social e a renuncia ao aumento do gasto militar.
En materia de infraestruturas, o deputado no Congreso destaca as referidas ao aumento de servizos en materia ferroviaria. Entende que, se o Goberno propón a implantación dos servizos de cercanías en cincos puntos diferentes do Estado neste proxecto, só é cuestión de vontade política implantar este servizo nas principais cidades do País e as súas áreas de influencia. “Áreas urbanas como a de Vigo-Pontevedra teñen uns 750.000 habitantes e non conta con este tipo de servizos, mentres, outras cidades do Estado con menos de 270.000 si que gozan do tren de proximidade” denuncia o deputado nacionalista.
“Existindo un sobrado número de persoas usuarias potenciais para implantar este servizo, que permitiría a conexión de toda a comarca de Pontevedra, só é cuestión de vontade política” destaca Rego. Así mesmo, a frente nacionalista urxe aumentar as frecuencias estabelecidas e unha política tarifaria que permita atraer cada día a máis persoas usuarias deste transporte colectivo “máis eficaz, eficiente e sustentábel que o vehículo privado”.
No plano social, Néstor Rego demanda garantir 50% de financiamento por parte do Estado, tal e como regula a propia Lei de Dependencia, así como incrementar o Salario Mínimo Interprofesional e as pensións mínimas até 60% do Salario Medio. No relacionado coas pensións mínimas, cabe destacar que a Galiza ten as pensións medias máis baixas do Estado –sobre todo Ourense e Lugo- e este incremento axudaría a superar, ademais da fenda de xénero, a fenda territorial.
Proxecto “con paixón por Pontevedra”
“O Goberno do Estado debe comprometerse coa cidade de Pontevedra e esta implicación debe de materializarse coa licitación inmediata do tramo A Ermida-Pilateiros e o da súa continuación até Barro” explica o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, en referencia as obras que se están a realizar no tramo da A-57 que funcionará como circunvalación.
Así mesmo, o tamén candidato á alcaldía do BNG para as vindeiras eleccións municipais reclama incrementar a partida prevista para o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra para 2023 até chegar a 15 millóns de euros. “O Concello de Pontevedra e a Deputación anunciamos a intención de que o Convento de Santa Clara se converta na nova sede do Museo de Pontevedra. Entendemos que o Goberno do Estado se debe involucrar nesta operación xa que o museo albergará colección importantes de arqueoloxía e a investigación relacionada coa Galiza, así como a obra completa de Castelao” enfatiza.
Alén destas propostas, Lores destaca a partida proposta para a rexeneración da fronte marítima da Ría na cidade de Pontevedra. En opinión do alcalde, todos os terreos da costa na cidade precisan dunha intervención urxente e integral, así como unha dragaxe na Ría para aumentar a súa produción marisqueira –emenda global que atinxe a outras rías galegas- despois de “anos e anos de vertidos de ENCE na nosa Ría”.
“Reclamamos partidas tamén para a continuación da conexión peonil entre Pontevedra e Marín porque o Ministerio executou a primeira parte, pola beira da Ría, mais é preciso completar a segunda parte até O Cabo, en Lourizán, e posteriormente completalo até o concello de Marín” explica Lores. Así mesmo, demanda a recuperación do borde marítimo entre A Seca e Combarro, de dominio público marítimo terrestre, que permitiría conectar zonas estratéxicas para o desenvolvemento turístico e medioambiental de ambos municipios.