O portavoz de asuntos exteriores do BNG, Luís Bará denuncia a “visión acomplexada” da Xunta por cualificar a Galiza de “territorio convidado” ao Festival de proxección internacional celebrado en Lorient.
O parlamentario cualifica de “eufemismo” cargado de “tufo franquista” a referencia da Xunta sobre a presenza do “noso país” no Festival de Lorient que goza do máximo recoñecemento por ser a más destacada manifestación cultural das chamadas nacións celtas, entre as que se inclúe a Galiza, polo que constitúe un importante escaparate para a promoción e proxección internacional e unha oportunidade que, a xuízo do nacionalista, “non está a ser aproveitada polo goberno galego, que nin quere nin cre no potencial da cultura galega, neste caso da música, para ter presenza propia, sen tutelas, no concerto europeo”.
Para o BNG, a Xunta do PP desiste de explorar as posibilidades que ofrece a relación cos chamados “países celtas”, establecendo unha relación privilexiada e prioritaria con Irlanda, Escocia, Gales, Cornualles ou Bretaña. Esta “conexión atlántica” debería ser “unha prioridade estratéxica da acción exterior galega”, se existise unha política merecente de tal nome, pero o que realmente temos, afirma Bará, “é unha acción raquítica, acomplexada e dependente da política exterior do Goberno central”.
O deputado explica que este feito coincide no tempo coa falta de apoio da Xunta á participación das seleccións galegas no campionato mundial de fútbol gaélico que se vén de celebrar en Irlanda. Para o BNG, “tanto a cultura como o deporte son dous piares fundamentais para a promoción internacional da identidade e da imaxe de Galiza, que a Xunta do PP ignora, maltrata e devalúa”.
Co obxecto de mudar estas políticas, o BNG trasladará iniciativas ao parlamento galego para que a Xunta desenvolva e apoie a proxección internacional da cultura e do deporte galego, no marco dunha política exterior que responda aos intereses do país e que non subordinada e autolimitada.
O BNG manifesta o apoio á concentración que terá lugar o vindeiro sábado día 10 de agosto en Lorient para defender o carácter nacional de Galiza e denunciar a rebaixa a “territorio” que a Xunta pretende facer da condición de “nación” que o Festival Intercéltico lle outorga ao noso país.