BNG defende a necesidade de protexer o lobo, dando cumprimento ademais a un mandato legal internacional, e compatibilizar esta protección coa dos sectores económicos que desenvolven a súa actividade no medio rural, especialmente o da gandería, a través do despregamento dun conxunto amplo de medidas e recursos destinados á prevención e á compensación dos danos que ocasiona esta especie.
Así o defendeu en comisión parlamentaria o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, Luís Bará, quen recalcou que o debate sobre o lobo está sometido a “altas doses de populismo, manipulación, oportunismo e alarmismo” posto que se está desenvolvendo unha campaña que denominou de “lobofobia” pretendendo converter a este animal “en culpable de todos os males do rural”. “O problema non é o lobo, o problema é a falta de medios de axuda da Xunta e do resto de gobernos para a gandería, sobre todo para as 2.400 explotacións que traballan en extensivo; en definitiva, unha mostra máis do abandono do medio rural”, recalcou.
Bará recordou que a protección desta especie é unha obriga derivada do contexto legal internacional (segundo o convenio de Berna e directiva comunitaria) e que a maior parte dos países europeos xa teñen desenvolvida a súa protección, incluído o país veciño Portugal, que dende 1990 outórgalle o máximo grao como especie protexida en perigo de extinción. “A vostedes preocúpalles que o lobo pase de ser especie cinexética amparada pola lei de caza a especie protexida amparada pola lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade”, reprochou ao grupo parlamentario do PP, para a continuación subliñar “porque isto vai ter consecuencia penais, sobre todo sobre eses máis de 200 lobos que cada ano se matan ilegalmente con distintos métodos”.
Logo de afearlle tamén a falta de desenvolvemento e incumprimento do Plan de Xestión do Lobo de 2008, o portavoz de Medio Ambiente propuxo acometer correctamente a protección da especie cun novo plan ou co cumprimento e actualización do de 2008. “O lobo debe estar na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE) e tamén na listaxe galega prevista na Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade”, explicou logo de reclamar un estudo de investigación (o último é de 2015) para obter unha radiografía correcta da situación do lobo en Galiza.
Segundo explicou, a isto hai que sumarlle a ampliación e potenciación das medidas de prevención -entre as que citou os peches de terreos cando así sexa posible ou a dotación de mastíns nas explotacións- cos recursos económicos, materiais e humanos necesarios e incluíndo o asesoramento sobre o territorio do persoal da Administración para axudar ás persoas que con tanto esforzo desenvolven actividades económicas no medio rural.
De igual xeito, propuxo o desenvolvemento dun plan de axudas, amplo, áxil e ben dotado, para compensar os danos provocados polo lobo, eixo de actuación que considerou “clave” para que as e os titulares de explotacións agrogandeiras “se sintan protexidas e defendidas pola Administración galega”. Por último, instou ao Executivo de Feixóo a ampliar os plans de información, sensibilización e educación para loitar contra a estigmatización da especie e, neste sentido, afeou ao PP a non creación do Foro galego sobre o Lobo, previsto no plan de xestión de 2008. “Isto da medida dos intereses que hai detrás e de como vostedes non queren buscar acordos senón polarizacións”, criticou.
En todo caso, Bará incidiu en que esta ampla dotación de recursos non debe recaer só sobre a Xunta, senón que debe contar coas achegas do Goberno estatal e da UE, porque tanto o lobo como a gandería cumpren funcións ecosistémicas o primeiro e económicas e sociais a segunda que teñen que ser apoiadas tamén dende estas dúas administracións.
Así pois, o BNG ofreceu o seu voto favorable á proposición non de lei do PP debatida en comisión parlamentaria sobre os puntos coincidentes coa súa proposta, pero rexeitou o punto no que se mostraba a disconformidade coa inclusión de todas as poboacións do lobo ao norte do Douro na LESRPE.