O BNG defende no Parlamento a restitución da titularidade pública da Illa da Creba na ría de Muros ao que se opón o PP

Illa da Creba
Illa da Creba

Rosana Pérez reprocha ao PP que fale por boca da propiedade e mesmo sosteña que hai que agradecerlle o estado actual da illa

“Agradecerlles que usurpasen un ben público e que, coa conivencia da Xunta, fixeran nela todas as obras que lles deu a gana sen que consten permisos e mesmo a vendan como recurso turístico de luxo”, recrimina 

O BNG defendeu no Parlamento galego unha proposición non de lei para que a Xunta inicie o correspondente procedemento para que a Illa da Creba, situada na ría de Muros-Noia, volva á titularidade pública da Administración galega, así como a que elabore de inmediato un informe de todas as obras, actuacións e actividades que se levaron a cabo e se seguen desenvolvendo na illa por parte da actual propiedade particular e comprobar se as mesmas conta con todos os permisos e autorizacións obrigatorias. De igual xeito, o Bloque avogou por que o Executivo galego realice todos os estudos necesarios relativos aos valores medioambientais da illa e dos fondos mariños que permitan valorar a súa cualificación como espazo protexido, segundo a lexislación vixente.

A deputada nacionalista Rosana Pérez apelou ao acordo unánime adoptado na propia Cámara galega en 2007 para restituír a titularidade pública da Illa da Creba e advertiu que “despois de 15 anos da súa aprobación, non só non temos avanzado, senón que obras de todo tipo continúan a levarse a cabo na illa sen que se saiba baixo que paraugas legal”.

“É o momento de tomarse en serio este tema e actuar”, recalcou logo de recordar que, a día de hoxe, a illa continúa en mas dun particular sen que os usos públicos estean restituídos e pese a que, ao longo dos anos, “continuaron os despropósitos sen que as Administracións moveran un dedo para paralos e para recuperar a titularidade pública”.

Así, explicou que, pese a ser un espazo natural protexido e clasificado como solo non urbanizable de protección de especies naturais, na illa hai “unha edificación construída, co levantamento de valados, con instalación de vixilancia para impedir o paso, cos espigóns, a rampla e o peirao -a pesar do pronunciamento da Xustiza- en pé, coa plantación de abundante vexetación e mesmo coa instalación de fontes de enerxía renovábel”. “En definitiva, un espazo público convertido nunha illa privada de uso turístico, anunciada ademais en distintas páxinas como A Creba, Private Island”, recriminou.

Para a deputada nacionalista, cabe preguntarse “onde está as administracións, por que se consentiu todo isto e cal é o motivo de que non se actúe, de que se renuncie a vixiar escrupulosamente e a impedir a usurpación dun ben público” e, nesta liña, advertiu que mesmo o día da presentación da iniciativa do Bloque en maio, “continuaba a pavimentación de vías e a construción de valados de pedra e cemento á beira do mar, sen que nin os veciños de Esteiro nin ninguén se explique quen e como se permiten todas estas actuacións”, que acreditou amosando distintas imaxes das mesmas durante a súa intervención na comisión parlamentaria de Ordenación do Territorio e Medio Ambiente.

Logo que o PP adiantase durante o debate parlamentario o seu voto en contra da iniciativa, Pérez lamentou esta posición e reprobou ao grupo que sostén ao Goberno galego que “falase por boca dos propietarios”, chegando mesmo a afirmar que “había que agradecerlles o estado actual da illa”.

 

“Témoslles que agradecer a estes señores ou señoras non só que privatizasen e usurpasen un ben público, senón que, ademais, teñan feito coa conivencia da Administración galega todo o que lles deu a gana na illa e mesmo vendela como un recurso turístico de luxo”, recriminou, para recalcar a continuación a gravidade deste pronunciamento cando hai sentenzas, entre as que sinalou a da Audiencia Nacional de 2002, “que din que as obras realizadas por eses particulares son irregulares e que hai que volver ao seu estado natural”.

 

“Isto é o colmo do cinismo”, reprendeu ao PP, para a continuación incidir en que, primeiro, “está moito por ver que estes señores sexan legalmente os propietarios da illa” e, segundo, que segue sen constar baixo que paraugas legal acometeron as obras realizadas. “Son vostedes quen de afirmar aquí que todo o que hai feito nesa illa pública conta coas autorizacións e permisos necesarios?”, retou á bancada popular para finalizar a súa quenda de réplica.  

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG