O Bloque Nacionalista Galego presenta as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023 co obxectivo de asegurar o investimento necesario no Salnés a través de partidas que garantan a dotación de infraestruturas e a prestación de servizos na comarca. Entre as emendas destacan a mellora das conexións ferroviarias, tanto para conectar o porto de Vilagarcía como a implantación das cercanías, e o aumento de persoal e a mellora de servizos que son competencia do Estado como o INSS, o Servizo de Vixilancia Aduaneira ou o ISM. Néstor Rego reclama a realización dun estudo de impacto pola modificación do Regulamento de Costas na actividade económica galega para voltar a criterios que dean seguridade xurídica ás actividades instaladas no dominio público.
Ademais do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, na presentación das emendas tamén participaron a deputada da frente nacionalista no Parlamento de Galiza, Montse Prado, e o portavoz municipal do BNG na localidade de Vilagarcía de Arousa, Xosé Lois Leirós. Para a deputada no Parlamento de Galiza, a proposta presentada polo Goberno de coalición PSOE-UP “é claramente insuficiente” e non atende necesidades básicas da comarca do Salnés, o que xustifica as emendas do BNG.
Na mesma liña incide o deputado Néstor Rego, que sinala que no relativo á Galiza o investimento “fica estancado” en relación co ano anterior e que non se atenden adecuadamente políticas sociais básicas. Isto explica o rexistro de máis de 350 emendas co obxectivo de mellorar estas contas e que repercutan “positivamente no conxunto dos galegos e galegas, así como nas clases populares do Estado”.
“Presentamos unha emenda para a o aumento das frecuencias de tren entre Vilagarcía coas cidades de Santiago de Compostela e Vigo, así como a recuperación das paradas próximas como Catoira ou Valga” afirma a deputado do BNG no Parlamento da Galiza. Para a formación nacionalista, é necesario mellorar este servizo e vertebrar as comunicación para ofrecer unha alternativa ao uso do vehículo privado “que contribúa ao proceso de descarbonización da economía”. Ademais, defende a necesidade de que se adecúe o ramal ferroviario do porto de Vilagarcía ás necesidades de transporte de mercadorías e poder reducir o transporte por estrada.
Pola súa parte, Rego defende a necesidade de levar a cabo un estudo que analice o impacto que sufrirá a actividade económica galega após a modificación do regulamento de Costas. “Esa modificación nos criterios de definición do dominio público parécenos que non se sustenta cientificamente e tampouco é racional porque pode xerar inseguridade no conxunto de actividades localizadas na costa: piscifactorías, cocedoiros de marisco, depuradoras de marisco, etc” achega o deputado. Esta inseguridade pon en risco millares de postos de traballo, polo que a organización nacionalista entende como imprescindíbel este estudo “para voltar a criterios que dean seguridade xurídica ás actividades instaladas no dominio público marítimo-terrestre”.
En materia de servizos, o deputado nacionalista reclama un aumento do persoal do Instituto Social da Mariña (ISM) que dá cobertura aos concellos da Illa de Arousa, Cambados, O Grove e Sanxenxo. Neste sentido, propón unha partida para a dotación de persoal do INSS en Vilagarcía de Arousa ante a falta dunha dotación adecuada “que permita, sobre todo, aos demandantes do Ingreso Mínimo Vital seren atendidos de maneira rápida e evitando obstáculos na súa tramitación”. “É preciso aumentar tamén o persoal no Servizo de Vixilancia Aduaneira de Vilagarcía e melloras do servizo para os profesionais na base de embarcacións do porto” incide Rego.
“Queremos mellorar a seguranza viaria na estrada N-640 na zona urbana a través do asfaltado na zona de Rubiáns, a rúa San Roque e Xoán Carlos I” explica o portavoz do BNG no Concello de Vilagarcía de Arousa, Xosé Lois Leirós. O voceiro tamén reclama a galeguización do letreiro da entrada da Casa do Mar da vila indicando que o Goberno do Estado está a incumprir deliberadamente a lei de normalización lingüística.
Leirós, que tamén vén actuando nos últimos anos como portavoz do colectivo de emigrantes retornados, destaca que máis un ano é o BNG o que presenta emendas aos Orzamentos para acabar coa discriminación da Facenda española cos emigrantes galegos que retornaron. “Emendas para non castigar fiscalmente a percepción de pensións doutros países e para igualar o limiar de obriga de declaración con dous pagadores cando un deles sexa a administración pública. Tamén para que se recoñezan automaticamente as certificacións de discapacidade doutros países europeos”.
Por último, a frente nacionalista demanda a actuación urxente do executivo estatal no xacemento arqueolóxico Adro Vello, situado no termo municipal do Grove. “É necesario conservar este importante lugar situado a carón da praia do Carreiro e comezar o proceso para musealizar este espazo” apunta o deputado do BNG.