A portavoz de vivenda do BNG, Alexandra Fernández defendeu unha proposición non de lei co fin de impulsar un plan galego para a mobilización de vivenda baleira en Galiza e crear “un marco propio” para regular e definir o concepto de propietario e vivenda baleira.
Tras explicar a realidade da vivenda baleira en Galiza, a nacionalista afirmou que as cidades de Vigo e A Coruña sitúanse entre as tres cidades con máis vivenda baleira de todo o estado e que a área metropolitana de Vigo conta con 48.000 vivendas baleiras. Mentres dende o BNG ofrecemos datos, vostedes dixo, fan unha caricatura desta realidade.
A nacionalista reclamou “establecer un marco regulatorio propio para definir os tipos de propietario e definir tamén o concepto de vivenda baleira dende a “realidade galega” e recriminou ao Partido popular que renegue de exercer as súas competencias nesta materia.
A deputada do BNG criticou que a portavoz popular, Begoña Freire súa intervención, fixera unha loa das políticas da Xunta en materia de vivenda e replicou que durante catro anos o programa posto en marcha polo goberno galego “foi un fracaso” incluso recoñecido polo propio director do Instituto galego de Vivenda e Solo (IGUS) por conseguir mobilizar “só 30 vivendas en 4 anos”.
Por outro lado, a nacionalista tamén criticou o invento da Xunta dunha especie de “idealista” co fin de vender aldeas galegas e afirmou que este grande éxito traduciuse na venda de tres vivendas en Sober e 3 na Peroxa. O único para que serviron foi de “fotocol” para a conselleira porque nunca máis soubemos que pasou con esas vivendas.
Alexandra Fernández tamén cualificou de “estafa” o programa “Vivendas vivas”, un programa que tiña como obxectivo ser un servizo de mediación para que pequenos propietarios de vivenda baleira puxesen a vivendas a prezos limitados a cambio de contraprestacións dende a administración pero a Xunta, unha vez máis copia unha idea pero faino mal porque sostén que este programa é de vivenda baleira e isto, dixo a deputada, “é falso”. O programa, explicou está dirixido a vivendas sen inquilino nos últimos dous meses. Non só non responde a un programa de vivenda baleira senón que fomenta que non se apuren a buscar inquilinos. Por outra banda os alugueiros establecidos pola Xunta son tan altos que na maioría dos casos, mesmo superan o prezo das vivendas neses mesmos concellos, polo tanto, “falso tamén”.
En Ourense, por exemplo, poden cobrar 150 euros por riba do alugueiro nesa cidade, polo tanto non é ningunha contraprestación para a sociedade e non existe ningunha exixencia aos propietarios a cambio do que reciben. Este programa “nin vai de vivendas baleiras nin de prestacións sociais, e por riba beneficia con recursos públicos a entidades financeiras”.
O PP defende dous relatos contraditorios
En opinión da deputada, no Partido popular existen dous relatos diferentes, por un lado a portavoz popular, Begoña Feire hoxe tocoulle ler o discurso falso sobre o programa de vivenda baleira con perspectiva social pero o director do IGUS no transcurso dun encontro con empresas inmobiliarias “contou a verdade” e afirmou que é importante deixar claro que non é un programa con carácter social e polo tanto hai que desterrar “esta connotación”. O que realmente pretende o programa “e ofrecer un plus de tranquilidade aos propietarios” e sobre todo crear seguridade no mercado coa selección de inquilinos con ingresos acreditados para garantir a renda. “Esta é a voz transparente do director do IGUS” recalcou a nacionalista.
Para a deputada, o programa de vivenda baleira só responde aos beneficios dos propietarios que ofertan ás inmobiliarias a costa do “peto” de todos e todas as galegas. Esas vivendas, reiterou, só teñen que estar dous meses sen arrendar e con topes tan altos exixindo ademais que a vivenda non exceda máis do 30% dos ingresos para impedir que “inquilinos con baixas rendas non se podan acoller ao programa”.
Alexandra Fernández lembrou que Xunta despois de anunciar un investimento de 800 mil euros “finalmente o ano pasado executou 40 mil” e dicir, que “non executan nin sequera o que lle prometen ás inmobiliarias”, concluíu.