- Reforzar o proxecto nacionalista para recuperar apoio social e electoral e consolidar o relevo xeracional, obxectivos da XVI AN na Coruña
O BNG celebra a súa XVI Asemblea Nacional os vindeiros 25 e 26 de marzo no Palexco da Coruña baixo o lema En Bloque cara a un tempo novo, e fai un chamamento á participación da cidadanía, -militante ou non-, para que traslade as súas aportacións e propostas ao proxecto nacionalista acudindo a esa gran cita coas bases.
“Facemos un chamamento á participación, é unha asemblea de portas abertas onde todo o mundo vai poder participar. A base militante e simpatizante xa o sabe, pero facemos un chamamento ao conxunto da cidadanía que ata o 13 de marzo pode anotarse para participar nesta XVI AN de portas abertas”, explicou a responsable da área de Organización, Goretti Sanmartín.
O lema escollido foi explicado polo secretario de Comunicación, Rubén Cela, durante a presentación da imaxe da cita asemblearia. “En Bloque porque é e seguirá a ser o nome da organización, porque en Bloque representa unidade na diversidade, e con bloques se cimenta e se constrúe algo sólido”, indicou. En relación á segunda parte do lema, cara a un tempo novo, co obxectivo de continuar coa idea iniciada nas pasadas eleccións galegas que callou tanto interna como externamente.
“Un tempo novo de repensar e corrixir porque sabemos que podemos facer máis e mellor, tempo de reforzar e relanzar o proxecto nacionalista da man de toda a xente que se ten achegado ao BNG nos últimos tempos, todo coa vocación de recuperar e ampliar apoio social e electoral”, argumentou Cela.
En síntese, subliñou, “relanzar a organización para ser un referente ao servizo da maioría social do país”, tendo en conta que a XVI asemblea nacioanl definirá o Bloque para os próximos tres anos, nos que se sucederán todas as citas electorais.
Tras un ano de debate no que participaron máis de 2.000 militantes e simpatizantes a través do Proceso Adiante, o resultado é a actualización dos principios fundacionais, un novo regulamento e as teses políticas que Sanmartín sintetizou en cinco grandes puntos de debate.
En primeiro lugar, reclamar a vixencia do proxecto nacionalista e do dereito a decidir como “elemento central” para conseguir a transformación social que permita máis benestar para os galegos e as galegas. “Cando falamos de dereito a decidir, falamos das cousas de comer”, indicou.
En segundo lugar, ampliar o campo do nacionalismo con persoas que sen ser militantes queiran aportar ao proxecto do Bloque, “para facer iniciativas en defensa dos intereses de Galiza” nunha perspectiva a medio prazo denominada Estratexia Galiza marco de traballo a cinco anos vista (2017-2022), que pretende favorecer unha rede de colectivos e iniciativas nacionalistas, por exemplo, a rede de concellos nacionalistas.
Caras novas, discurso claro
Un terceiro punto da XVI AN vai ser o da consolidación xeracional do BNG, iniciada na asemblea nacional extraordinaria de febreiro de 2016. “Aposta por novas caras, por reforzar o papel da xente moza pero tamén cunha aposta por un discurso máis claro e directo buscando a conexión social, en particular coa xuventude”.
Todo iso, explicou Goretti, sen desaproveitar aos referentes históricos, “cuxo papel será fundamental na formación a través da Fundación Galiza Sempre”.
Dotar ao Bloque de novos instrumentos organizativos e outro dos puntos relevantes de cara a asemblea da Coruña, con maior protagonismo á organización xuvenil de Galiza Nova, maior peso da militancia na emigración, reforzar o asemblearismo con referendos internos e definición dun novo mapa comarcal. Por ultimo, afondar na vocación internacionalista e as múltiples realidades do planeta.
Un total de 32 organizacións nacionais e 42 internacionais están convidadas a XV AN do Bloque, na que se espera unha gran participación da militancia.