BNG accederá aos expedientes abertos pola Xunta ás residencias de maiores que leva solicitando dende hai meses a través dunha consulta presencial, fórmula achegada agora no Parlamento galego pola Xunta e que xa estaba prevista no regulamento da Cámara, polo que podía terse empregado dende o mesmo momento en que a formación nacionalista reclamou a documentación.
“De verdade fixo falta toda a batalla que demos para chegar a algo que aparece previsto dende o inicio no propio artigo 9 do regulamento desta Cámara?”, recriminou a viceportavoz, Olalla Rodil, á secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social durante a súa comparecencia na comisión parlamentaria de Sanidade. “Este artigo habilítanos para recibir fisicamente a documentación aquí ou, se existe un conflito como o que vostedes están expresando agora de ponderar a garantía e o respecto aos dereitos de protección de datos das persoas usuarias co noso dereito de acceder a información pública, tamén se pode facilitar a consulta fisicamente, con todas as garantías de protección de datos desa documentación como propoñen agora”, criticou para explicar que a solución ofrecida agora xa se podía ter empregado dende o inicio.
Por iso, Rodil acusou ao Executivo de Feixóo de “xogar ao desgaste” e buscar o esgotamento do BNG para que “pasase o tempo, pasásemos a outros temas e este se fose esquecendo” e confirmou que dende logo o grupo parlamentario nacionalista vai consultar a documentación “fisicamente e con todas as medidas de protección que consideren oportunas para protexer os datos persoais das persoas usuarias”.
Neste sentido, recalcou que a intención do Bloque non é obviamente vulnerar a intimidade ou os datos persoais das persoas usuarias, senón “ter unha imaxe o máis real e aproximada posible de que é o que acontece nas residencias para poder abordar unha reflexión con todo o rigor que merecen os servizos sociais e o sistema asistencial dun país coma o noso”. “Con toda a franqueza -insistiu-, por nós podían borrar os datos persoais, nós o que queremos é saber en que condicións se atopan as persoas usuarias das residencias e que neste país son máis de 21.000”.
Logo de escoitar por parte da secretaria xeral unha exposición sintetizada das irregularidades que se detectan durante as inspeccións administrativas e das principais causas que ocasionan os expedientes abertos a residenciais, Rodil advertiu que “son practicamente as mesmas” que as recollidas no informe do Consello de Contas publicado en 2018. “Ollo -alertou- un informe publicado en 2018, pero elaborado anos atrás”.
Ante a relación de irregularidades xerais que se atopan nos labores de inspección, a viceportavoz nacionalista reclamou detalle sobre “cantos destes incumprimentos eran recorrentes, por exemplo, nas residencias que pertencen ao grupo DomusVi”. “Cales desas irregularidades que vostede relatou correspondentes aos artigos 80, 81 e 82 da Lei de Servizos Sociais, corresponden a DomusVi e cantas son recorrentes?”, incidiu, para a continuación subliñar que a falta de persoal de atención directa suficiente ou persoal desempeñando postos sen a formación que lle corresponde, citadas pola secretaria xeral, “non só constitúe unha vulneración dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores, senón que ten unha repercusión directa sobre as persoas usuarias e isto é gravísimo”.
Por último, Rodil considerou preciso contextualizar os datos porque “o 80% das prazas de residencias son privadas, pero é que hai un enorme grao de concertación por parte da Xunta con esas entidades”. “Cantas desas irregularidades teñen a ver con prazas que están financiadas con fondos públicos, que son sostidas co diñeiro de todas e todos os galegos”, concluíu.